Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta remata as obras de renovación da rede de abastecemento de Magros, no concello de Beariz, logo dun investimento de preto de 93.000 euros

Habilitouse unha nova rede de abastecemento nos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo, que asegura un caudal de auga mínimo ás vivendas e ás bocas da rega
 

Tamén se renovou a rede de abastecemento do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo
 

Con esta intervención dáse servizo a unha poboación de 431 habitantes
 

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello
 

A Xunta continúa axudando aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de renovación da rede de abastecemento de auga no lugar de Magros, no concello de Beariz.

 

Esta intervención, cun investimento de preto de 93.000 euros, permite dotar dunha nova rede de abastecemento os barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo, asegurando un caudal de auga mínimo de 200 l/habitante-día ás vivendas e nas bocas de rega e incendio.

 

Máis en detalle, as obras incluíron a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, instalando tubaxe de 75 mm de diámetro.

 

En ambos os extremos colocáronse válvulas redutoras de presión. Renovouse tamén toda a rede da Aldea de Abaixo con tubaxe.

 

En conxunto, executáronse un total de 456 metros de tubaxe, ademais de chaves de paso, bocas de rega, ventosas e desaugadoiros para o correcto funcionamento da rede. Con esta actuación préstase servizo a unha poboación de 431 habitantes.

 

A execución destas obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asumiu o 80% do investimento e acometeu as obras, e o Concello de Beariz, que contribuíu ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a conservación das novas instalacións hidráulicas.

 
As intervencións están financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.