Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica por case 350.000 € a remodelación integral do parque de San Martiño de Carballo para reducir os riscos polas inundacións no río Anllóns

Trátase dunha das actuacións programadas pola Xunta para minorar o perigo de asolagamento neste río ao seu paso polo municipio coruñés

A intervención, que conta cun prazo de execución de 3 meses, consistirá na construción de motas de protección fronte ás avenidas na contorna do parque

As intervencións realizaranse en tres zonas diferenciadas: augas abaixo da ponte da rúa Sol; no propio parque San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e entre a ponte da rúa Iglesia e a ponte da rúa Fomento

A Xunta investirá un total de 3 millóns de euros nas obras previstas no convenio asinado co Concello de Carballo para reducir o risco de inundacións nesta área de especial risco

Esta actuación é o segundo dos proxectos adxudicados pola Xunta, tras terse contratado este mesmo mes a realización do ‘by-pass’ no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto, por preto de 270.000 €

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 349.206 euros a execución das obras de remodelación do parque de San Martiño de Carballo.

 

Trátase dunha das actuacións que levará a cabo a Xunta para reducir o risco de asolagamento no río Anllóns ao seu paso polo municipio coruñés, deseñadas todas elas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para esta área, declarada de risco potencial significativo.

 

Este contrato, adxudicado á empresa Prace Servicios y Obras, S.A., conta cun prazo de execución de 3 meses e ten como obxectivo a construción de motas de protección fronte ás avenidas na contorna do parque San Martiño.

 

As obras obxecto deste contrato inclúen actuacións en tres zonas diferenciadas: a primeira, augas abaixo da ponte da rúa Sol; a segunda, no propio parque de San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e a terceira, entre o parque de San Martiño -ponte da rúa Iglesia- e a ponte da rúa Fomento.

 

Colaboración co Concello

Esta intervención é unha das previstas pola Xunta para reducir o risco de inundacións neste río, ás que se destina un investimento global de 3 millóns de euros, no marco do convenio de colaboración co Concello de Carballo para desenvolver os proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns.

 

Segundo ese acordo, a Xunta asume integramente a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións e a execución das obras, e o Concello de Carballo porá á disposición os terreos necesarios e realizará as xestións para posibilitar a súa execución, así como o seu posterior mantemento e conservación.

 

A remodelación do parque de San Martiño de Carballo é o segundo dos proxectos adxudicados pola Xunta, tras terse contratado este mesmo mes as obras de realización do ‘by-pass’ no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto, por preto de 270.000 euros.

 

As outras actuacións previstas, no marco do Plan de xestión do risco de inundacións do río Anllóns, correspóndense cos proxectos de demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a remodelación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.

 

Plan de xestión específico do risco de inundacións do río Anllóns

Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

 

Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

 

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo.

 

Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente. Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros de protección fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.

 

As obras previstas no convenio entre a Xunta e o Concello serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

 

O Goberno galego mantén a aposta pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias, tendo en conta o contexto de cambio climático, no que estes episodios extremos son cada vez máis frecuentes.