Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta que o investimento da Xunta de 8,1 M€ na renovación do saneamento de Cee permitirá mellorar a vida dos veciños e elevar a calidade das augas da ría na primavera de 2024

Vázquez Mourelle salienta os obxectivos de reducir nun 80% os vertidos en tempo de chuvia e suprimilos en tempo seco, contribuíndo a mellorar a clasificación das augas da ría
 

Acabarase así cos alivios orixinados nas canalizacións do núcleo do municipio, derivándose cara aos ríos de Brens e Cee, e ao rego de Laxes, o que deriva en que a praia urbana teña, con frecuencia, prohibición de baño
 

Explica que se renovará o colector das Laxes e se executarán un novo tanque de tormentas e un novo colector, que substituirá o bombeo das Monxas para conducir as augas ao tanque de tormentas e, desde aí, se bombeen cara á depuradora
 

Sinala á habilitación dun ‘by-pass’ e un colector de vertido, para dirixir as augas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e a implantación dun novo bombeo ata a depuradora

Cee (A Coruña), 18 de novembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o investimento da Xunta de 8,1 M€ na renovación do saneamento de Cee permitirá mellorar a vida dos veciños e elevar a calidade das augas da ría na primavera de 2024.

 

Vázquez Mourelle achegouse hoxe á contorna do parque infantil praia da Concha para supervisar o comezo dos traballos de mellora da rede de saneamento de Cee, tras asinar a Xunta o pasado mes de setembro a acta de replanteo das obras, e unha vez que o Concello culminou o desvío da canalización que era necesario desprazar.

 

A conselleira salientou que o obxectivo é reducir nun 80% os vertidos en tempo de chuvia e completamente en tempo seco, contribuíndo a mellorar a clasificación das augas da ría.

 

Ethel Vázquez insistiu en que estas obras de mellora da rede de saneamento, en apoio ao Concello de Cee nas súas competencias municipais, é unha das actuacións máis destacadas que actualmente a Xunta está a impulsar desde Augas de Galicia, constituíndo a primeira fase da mellora do sistema de saneamento de Cee e Corcubión.

 

Referiuse ao exhaustivo traballo da Xunta de análise do sistema de saneamento destes dous municipios, materializado a través do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión, que permitiu identificar os problemas que presenta o sistema de saneamento e tamén o xeito de solucionalos. Aquí, citou as deficiencias no funcionamento dos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.

 

Precisou que no caso de Cee, os vertidos danse nas canalizacións do núcleo do municipio, derivándose cara aos ríos de Brens e Cee, e ao rego de Laxes, o que deriva en que a praia urbana teña, con frecuencia, prohibición de baño.

 

Ethel Vázquez indicou que para solucionar estes problemas na rede de saneamento de Cee, a Xunta impulsa esta 1ª fase, cuxas obras teñen un prazo de 18 meses, polo que a substancial mellora do saneamento de Cee estará rematada na primavera de 2024, remarcou.

 

Segundo concretou, estas actuacións consisten na renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río, cunha lonxitude de case 390 metros;  e na construción dun novo tanque de tormentas con estación de elevación.

 

Tamén se executará un novo colector, que substituirá o bombeo das Monxas e conducirá as augas ata o tanque e, desde aí, se bombeen cara á depuradora; habilitarase un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permita dirixir as augas ao tanque de tormentas ou aliviadas. Ademais, implantarase un novo bombeo ata a depuradora desde o novo tanque de tormentas.

 

Tal e como subliñou, trátase dunha actuación ambiciosa e complexa que, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, ten a particularidade de pretender achegar valor engadido ao municipio coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo.

 

Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

A conselleira avanzou que esta 1ª fase das obras non é a única actuación que está a impulsar a Xunta en apoio ao Concello de Cee nas súas competencias sobre a auga, senón que, ademais, estase a traballar na redacción do proxecto da nova depuradora.

 

Ethel Vázquez puxo en valor como a Xunta continúa volcada en apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga, problemas complexos tecnicamente e, ademais, moi custosos desde o punto de vista económico”, incidiu.

 

Apuntou que a Xunta leva máis de 1.100 M€ investidos en apoiar aos concellos nas súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento, e afirmou que se seguirá avanzando nese camiño, contando agora, ademais, co importante instrumento da Lei da mellora da xestión do ciclo integral da auga, lembrou.

 
Tamén se referiu aos 80 M€ consignados nos Orzamentos para mellorar a calidade das augas en Galicia e como iso se vai a traducir nunha mellora, tamén, da calidade de vida dos galegos e do futuro dos profesionais do mar.