Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Muíños colaboran na mellora do sistema de abastecemento municipal en varios núcleos do municipio

A Xunta financiará integramente as actuacións, achegando 48.000 €, e asesorará tecnicamente á administración local para optimizar a calidade de subministro de auga potable os veciños dos núcleos do Agrelo, Pazó e das Maus de Salas
 

O Concello asumirá a execución dos traballos de construción de pozos de captación de auga nos citados núcleos e o seu mantemento posterior
 

Trátase de evitar cortes no subministro da auga neste núcleos, nos que actualmente o caudal dos depósitos existentes están en niveis baixos debido á seca
 

Esta nova actuación conxunta, súmase á xa impulsada para a mellora dos servizos de saneamento municipal nos núcleos de Muíños e do Barrio, así como de reparación das depuradoras do Parque e de Pazos, cun investimento de 225.000 €
 

A Xunta, a través destas actuacións, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente

Santiago de Compostela, 27 de setembro 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou de xeito telemático co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, o convenio de colaboración para a mellora da rede de abastecemento municipal en varios núcleos do municipio.

 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as obras, achegando 48.000 euros e asesorará á administración local na execución dos traballos para optimizar a calidade de subministro de auga potable aos veciños dos núcleos do Agrelo, Pazó e das Maus de Salas.

 

Pola súa banda, o Concello de Muíños asumirá a execución das obras para a mellora das instalacións de abastecemento municipal e o mantemento das novas infraestruturas hidráulicas.

 

Actualmente o caudal dos depósitos existentes nos núcleos do Agrelo, Pazó e das Maus de Salas está en niveis baixos debido á seca, polo que son necesarios cortes no subministro de auga. Con esta colaboración entre Xunta e Concello preténdese mellorar a rede de abastecemento de auga potable aos veciños, construíndo pozos de captación de auga nos citados núcleos.

 

Esta nova colaboración do departamento que preside Ethel Vázquez, súmase ás obras recollidas nun acordo anterior entre a Xunta e a entidade local, para a mellora dos servizos de saneamento municipal nos núcleos de Muíños e do Barrio.

 

Trátase das obras para a mellora do tratamento das augas residuais nestes núcleos, así como de reparación das depuradoras do Parque e de Pazos, cun investimento de 225.000 euros, asumindo a Xunta o 80% do investimento e o Concello o 20% restante. Esta actuación está financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

 

A Xunta, a través destas intervencións, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente.