Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza que a Xunta traballa xa na redacción do proxecto para a reconstrución da presa de Ponte Maceira

Augas de Galicia está a elaborar o documento técnico que determinará as intervencións necesarias para mellorar a infraestrutura
 

Técnicos de Augas de Galicia xa se desprazaron ata a zona para supervisar, sobre o terreo, os deterioros que sofre a presa, e avaliar o seu estado tras a recente caída dunha árbore que tamén afectou a un muíño
 

As captacións de auga de abastecemento á poboación están a funcionar axeitadamente e a conselleira informa de, no caso de detectarse algunha incidencia, se programará unha actuación de emerxencia para solventala

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzoulle hoxe aos alcaldes de Ames e de Negreira que a Xunta está a traballar xa na redacción do proxecto para reconstruír a presa de Ponte Maceira, situada entre ambos os dous municipios.

 

No encontro de traballo mantido esta tarde en San Caetano cos rexedores de Ames, Blas García, e de Negreira, Manuel Ángel Leis, a titular de Infraestruturas e Mobilidade deu conta de que Augas de Galicia está a elaborar o documento técnico para determinar as intervencións necesarias para mellorar o estado da infraestrutura.

 

Ethel Vázquez concretou que técnicos de Augas de Galicia xa se desprazaron ata a zona o pasado venres para supervisar sobre o terreo os deterioros que sofre a presa e avaliar o seu estado tras a recente caída dunha árbore sobre a canle, que tamén afectou a un muíño da contorna.

 

Os técnicos de Augas de Galicia procederán en vindeiras datas á retirada da árbore sobre a presa e o muíño, como primeira actuación na infraestrutura de cara a garantir o correcto fluír das augas e para evitar afeccións sobre os ecosistemas do río.

 

Segundo as comprobacións realizadas pola Administración hidráulica, o estado da presa non está a afectar ao correcto funcionamento das captacións de auga de abastecemento á poboación de Ames e Negreira. A conselleira informou aos alcaldes de que, no caso de producirse algunha incidencia neste sentido, se programaría unha actuación de emerxencia para solventala de forma inmediata.