Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta autoriza a colaboración coa mancomunidade do Salnés para reforzar o sistema de saneamento dos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia e Camados cun investimento de máis de 1 M€

Esta actuación permitirá solucionar as deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas, evitando os frecuentes problemas de alivio ao río Umia

Modificarase o trazado da impulsión para que verta directamente á nova depuradora de Ribadumia, sen pasar polo bombeo de Barrantes

A Xunta asume o financiamento, a contratación e a execución das obras, que se prevé licitar neste mes para que poidan estar en execución a finais do 1º semestre do 2023

A estación de bombeo reformada de Cabanelas proxéctase para unha poboación máxima na época estival de 939 habitantes para o ano horizonte 2042

O Goberno galego mantén o seu apoio aos concellos, co compromiso de investir máis de 44,5 M€ na mellora do saneamento de Cambados, de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, xunto coa nova depuradora de Vilagarcía, para o saneamento integral da ría
 

Santiago de Compostela, 8 de setembro O Consello da Xunta autorizou hoxe a colaboración entre o Goberno galego e a Mancomunidade do Salnés para reforzar o sistema de saneamento dos concellos de Vilanova de Arousa, de Ribadumia e de Cambados, que suporá un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

O obxectivo da actuación é solucionar as deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas, evitando os frecuentes problemas de alivio ao río Umia.

Para iso modificarase o trazado da impulsión do bombeo de Cabanelas para que verta as súas augas directamente á nova estación depuradora de augas residuais de Ribadumia, sen pasar previamente polo bombeo de Barrantes, como sucede na actualidade. Para isto, efectuaranse modificacións nos bombeos de Cabanelas e Barrantes para adaptalos á nova situación e aos caudais de bombeo.

 

Mediante este acordo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, asume integramente o financiamento, impulsando estas obras incluídas no Plan de saneamento local da ría de Arousa, marxe esquerda, redactado pola entidade hidráulica da Xunta.

Segundo esta colaboración técnico-financeira coa Mancomunidade do Salnés, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Unha vez autorizada hoxe esta colaboración, Augas de Galicia, prevé licitar este mes as obras, que teñen un prazo de 6 meses. O obxectivo é telas en execución a finais do primeiro semestre de 2023.

Os concellos, como beneficiarios desta colaboración e nas súas competencias de saneamento e depuración, tiveron que aprobar o proxecto en Pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

As obras estarán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

 

O obxecto das actuacións

Mediante a colaboración autorizada hoxe pola Xunta impúlsase as actuacións necesarias para solucionar as deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas e mellorar os sistemas de saneamento destes concellos.

O bombeo de Cabanelas, pertencente á rede de saneamento xestionada pola Mancomunidade do Salnés, recibe augas residuais domésticas e industriais, e xera importantes alivios contaminantes en tempo de choiva.

 

Para resolver esta problemática, as obras prevén a modificación do trazado da impulsión do bombeo de Cabanelas, para o que se instalaran 1.780 metros de impulsión.

 

No bombeo de Cabanelas realizaranse as seguintes melloras: substituiranse as 3 bombas existentes (2+1) para adaptarse ao novo caudal de deseño 56,4 l/s, instalarase un calderín antiariete de 3.000 litros e substituirase o cadro eléctrico, que se encontra aloxado nunha construción tipo hórreo contigua ao pozo de bombeo, construída para este fin durante a execución do bombeo no ano 2.000.

A estación de bombeo reformada de Cabanelas, proxéctase para unha poboación máxima na época estival de 939 habitantes para o ano horizonte 2042. 

Unha vez executado o bombeo de Cabanelas e a súa nova impulsión, será preciso adaptar o bombeo de Barrantes ao seu novo caudal de funcionamento, xa que vai deixar de recibir o caudal que impulsa actualmente o sistema de Cabanelas cara a el.

Para adaptar este sistema ao novo caudal máximo demandado, 125 l/s, substituirase o rodete actual por un de menor diámetro, 255 mm no lugar de 278 mm. Con este cambio, e funcionando as dúas tubaxes de impulsión, obtense un caudal máximo impulsado con dúas bombas de 136,4 l/s.

O Goberno galego segue investindo e traballando para axudar aos concellos nas súas competencias municipais e para avanzar no saneamento integral da ría de Arousa, esencial para a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo, ademais de para o medio ambiente e a saúde pública.

Cómpre lembrar que no marco das actuacións previstas no Plan de saneamento local, a Xunta ten previsto desenvolver nos próximos anos importantes actuacións que sumarán un investimento total de máis de 44,5 M€ para mellorar o saneamento da marxe esquerda da ría de Arousa. Trátase das obras proxectadas para mellora do saneamento de Cambados, de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, así como a construción da nova estación da depuradora de augas residuais, tamén en Vilagarcía.

Para afondar no apoio aos concellos nunhas competencias que son complexas, a Xunta impulsou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, en vigor desde o 1 de setembro, co obxectivo último de garantir a calidade e a eficiencia nos servizos de abastecemento, saneamento e depuración aos veciños e acadar unha xestión máis profesionalizada da auga.