Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta axudará con 300.000 euros aos concellos para que auditen as súas redes de saneamento co fin de erradicar filtracións e vertidos e preservar a calidade da auga

Vázquez Mourelle destaca que as auditorías son un instrumento esencial na detección e emenda das eivas das redes de saneamento municipal e incide na urxencia de atallar eses problemas para coidar a auga

Estímase que, de media, entre o 40 e o 50% do caudal que circula polas redes de saneamento procede de infiltracións, chegando a superar en ocasións o 90%

A nova liña de incentivos da Xunta vai dirixida aos municipios de ata 50.000 habitantes e subvencionará o 80% do investimento, cun límite máximo de 15.000€

As axudas poderán solicitarse desde mañá e ata o 8 de outubro

As entidades locais disporán dun modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización

A conselleira subliña o apoio da Xunta aos concellos para mellorar a prestación dos servizos da auga, unha competencia municipal, reforzado coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que entrou en vigor o 1 de setembro

Subliña o traballo intenso do Concello de Sober nos últimos anos para prestar servizos de abastecemento e de saneamento aos seus veciños de xeito máis eficiente

Sober (Lugo), 6 de setembro de 2022

A Xunta vai destinar 300.000 euros a axudar aos concellos na realización de auditorías nos seus sistemas de saneamento co fin de erradicar as infiltracións de augas brancas e vertidos e preservar así a calidade das augas.

 

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, achegouse hoxe ao concello de Sober coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia, da primeira convocatoria desta liña de incentivos da Xunta, para que os municipios conten con ese instrumento básico para a detección e corrección destes problemas, e acadar un funcionamento máis eficiente das redes municipais.

 

Vázquez Mourelle destacou o carácter esencial das auditorías, que permiten detectar as eivas das redes de saneamento e programar actuacións que leven á súa emenda, e incidiu na urxencia de identificar e atallar eses problemas para coidar máis a auga, “un ben finito e cada vez máis escaso”, remarcou.

 

Subliñou que ter en perfectas condicións as redes municipais de saneamento é esencial para garantir a calidade da auga dos ríos e acuíferos, e con esta liña de incentivos a Xunta quere, unha vez máis, axudar aos concellos neste cometido.

 

Trátase, indicou a conselleira, de contribuír a que as entidades locais poidan identificar os problemas das súas redes de saneamento, as principais entradas de augas brancas que teñen nos seus sistemas de depuración ou os puntos de alivio.

 

Explicou que destas axudas poderán beneficiarse os municipios de ata 50.000 habitantes. Eses incentivos subvencionarán o 80%, cun límite de 15.000 €, os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 destinados á elaboración de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

 

A conselleira abundou que para facilitar o traballo aos municipios, tamén se porá á súa disposición un modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización. As auditorías deberán recoller un mínimo de información: descrición detallada do sistema de saneamento, planos e documentación gráfica e inspección dos puntos de control.

 

As entidades locais interesadas nestes incentivos da Xunta teñen un mes de prazo, a partir de mañá e ata o 8 de outubro, para presentar as súas solicitudes.

 

Ethel Vázquez apuntou que con esta primeira convocatoria, a Xunta segue axudando aos concellos na mellor prestación dos servizos da auga, unha competencia municipal, segundo establece a Lei de bases de réxime local.  

 

Segundo dixo, este apoio vese reforzado grazas á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que acaba de entrar en vigor o pasado 1 de setembro.

 

Máis de 1.100 M€ en infraestruturas hidráulicas

A conselleira sinalou o salto xigante na extensión dos servizos da auga grazas aos máis de 1.100 M€ que se levan investido desde a Xunta en actuacións de saneamento e abastecemento para apoiar aos concellos nas súas competencias, e puxo acento en que de nada serven estes investimentos en infraestruturas hidráulicas sen unha correcta explotación e mantemento deses sistemas da auga.

 

Referiuse tamén ás singularidades e peculiaridades territoriais de Galicia que dificultan, tanto as actuacións como a súa xestión. A ese respecto, puxo en valor a experiencia da Xunta coa redacción dos plans de saneamento locais co constante contacto e apoio aos concellos que, no caso dos servizos de saneamento e depuración, permite observar moitos problemas de infiltracións.

 

Son, dixo Ethel Vázquez, deficiencias derivadas da falta e control nas conexións ás redes existentes  ou da proximidade de ríos ou do mar, o que provoca a entrada de augas brancas, que redundan en ineficiencias na depuración, en vertidos, maiores consumos enerxéticos e afeccións ambientais, remarcou.

 

A Xunta calcula que a porcentaxe media de infiltracións nas redes de saneamento se atopa no entorno do 40-50% do caudal circulante, podendo incluso, nalgúns casos, chegar ata o 90-95%.

 

Sober exemplo de planificación, a prevención e a anticipación

A conselleira enmarcou o encontro de traballo co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, para presentar os novos incentivos para a realización de auditorías nas redes de saneamento, por ser este un municipio un exemplo da importancia que lle outorga á auga.

Puxo de relevo o traballo intenso que realizou este Concello nos últimos anos para prestar servizos de abastecemento e de saneamento aos seus veciños de xeito máis eficiente. Citou a instalación de caudalímetros, e a solicitude das axudas da Xunta para dotarse do seu propio Plan de emerxencia fronte á seca e para realizar auditorías na rede de abastecemento co obxectivo de detectar e paliar posibles fugas no seu sistema.

Algo que, segundo afirmou a conselleira, é especialmente importante tendo conta a situación de seca prolongada que está a vivir en Galicia, tamén en España e en Europa, coa peor seca dos últimos 500 anos, segundo os expertos. A bacía do río Cabe, á que pertence o municipio de Sober, dependente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, de competencia estatal, continúa en situación de alerta.