Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e os concellos da bacía do Lérez coinciden na necesidade de manter a contención no consumo de auga nos usos municipais e individuais para garantir o abastecemento na área

Constátase que as entidades locais seguen aplicando as medidas de contención que viñan adoptando ata o de agora, manténdose os datos do consumo total a día de hoxe no entorno dos 0,5m3/s
 

Advírtese que pese o pico de suba do caudal medio do río por mor das choivas, a falla de previsións de continuidade de precipitacións obrigan a non relaxar as medidas de aforro tomadas
 

A Xunta continúa facendo un chamamento á poboación para que se reduza o consumo o máximo posible, para así complementar as medidas establecidas polos concellos nos usos municipais
 

Augas de Galicia mantén un permanente contacto cos concellos, incidindo na importancia das medidas de concienciación á cidadanía e de preparación ante outros escenarios máis complexos, como a alerta ou a emerxencia

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022 A Xunta e os concellos da bacía do Lérez coinciden na necesidade de manter a contención no consumo da auga nos usos municipais e individuais para garantir o abastecemento na área.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo hoxe un novo encontro telemático con representantes dos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Marín e Bueu para analizar conxuntamente a evolución da situación de prealerta por escaseza de auga.

 

Nesta reunión de seguimento que Augas de Galicia está a levar a cabo semanalmente con concellos, constatouse que as entidades locais seguiron aplicando as medidas de contención do consumo que viñan tomando ata o de agora. A este respecto, e de acordo cos datos de consumo diarios recompilados pola entidade hidráulica da Xunta, mantense a día de hoxe no entorno dos 0,5 m3/s.

 

No encontro tratouse, tamén, a incidencia das choivas rexistrada estes días e o seu impacto no caudal medio do río, observándose un pico de subida no mesmo. No obstante, tal e como advertiu o xerente de Augas de Galicia, a falta de previsións de continuidade de precipitacións, cóntase con que o río volverá nos próximos días aos niveis da pasada semana, polo que se reiterou aos concellos a necesidade de non relaxar as medidas de aforro adoptadas.

 

A este respecto, é moi importante que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

 

A Xunta continúa, por tanto, facendo un chamamento á poboación para que se reduza o consumo o máximo posible, para así complementar as medidas adoptadas polos concellos en canto aos usos municipais.

 

Pola súa banda Augas de Galicia segue facendo por tanto un seguimento pormenorizado da situación hidrolóxica deste e o resto de sistemas da demarcación Galicia-Costa, de competencia autonómica, recompilando e analizando os datos correspondentes, neste caso, á primeira quincena de agosto.

 

A Xunta está a manter un permanente contacto cos concellos, incidindo na importancia das medidas de concienciación á cidadanía e de preparación ante outros escenarios máis complexos, como a alerta ou a emerxencia. Hai que ter presente que a Xunta declarou a prealerta por seca o pasado febreiro e ese era o momento de empezar a tomar medidas para anticiparse e estar mellor preparados fronte a unha eventualidade coma esta.