Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta descarta o uso da auga do oco mineiro de Ventoxo ao río Lérez e mantén outras alternativas complementarias para o reforzo do abastecemento

Os parámetros das análises levadas a cabo para comprobar a calidade da auga embalsada no antigo oco mineiro obrigan a descartar a súa utilización, pola presenza de metais que a fan incompatible co consumo e coa preservación da calidade da auga do río

O encoro de Pontillón, que conserva a día de hoxe un volume de 1.5 hm3, permanece como reserva de auga, dispoñendo no peor dos escenarios dun volume para abastecer a zona durante 15 días ou 1 mes, dependendo do consumo

― Esta reserva, sumada ás de medidas de aforro da auga, totalmente necesarias, son as claves para garantir o abastecemento
O caudal do Lérez ten baixado nesta semana, situándose na contorna dos 1,5 m3/s, polo que é preciso incidir na necesidade de intensificar as medidas de contención do consumo

É importante que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos menos prioritarios nos seus termos municipais e que tomen cantas medidas sexan necesarias para reducir a demanda

A Xunta vén mantendo un permanente contacto cos concellos, incidindo na importancia das medidas de concienciación á cidadanía e de preparación ante outros escenarios máis complexos, como a alerta ou a emerxencia
 

 Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022 A Xunta, tras coñecer os resultados das análises realizadas, descarta o uso da auga do antigo oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, ao río Lérez, e mantén outras alternativas complementarias no caso de necesidade de reforzo do abastecemento aos concellos de Pontevedra, de Marín, de Poio, de Sanxenxo e de Bueu, que se serven desta bacía.

 

As análises levadas a cabo pola entidade hidráulica da Xunta para comprobar a calidade da auga embalsada no antigo oco mineiro, obrigan a descartar a súa utilización como alternativa ao abastecemento da zona, pola presenza de metais que a fan incompatible co seu consumo e coa preservación da calidade da auga do río Lérez.

 

Deste xeito, o transvase cara ao Leréz da auga retida no oco mineiro en desuso, que se estaba barallando como posible alternativa para aumentar o caudal en caso de ser necesario para o abastecemento, deterioraría considerablemente o estado natural do río debido ás concentracións de metais pesados detectadas e á acidez da auga.

 

Máis en detalle, os parámetros que arroxan as análises fan incompatibles o uso da auga do antigo oco mineiro de Ventoxo co bo estado do río, debido ás concentracións de níquel, selenio e cadmio e tamén ao PH.

 

A pesar de que esta vía queda descartada, a Xunta seque manexando outras alternativas complementarias ao caudal do Lérez, que permiten manter o abastecemento no caso de que a situación de seca prolongada empeore.

 

Deste xeito, o encoro de Pontillón, que conserva a día hoxe un caudal medio de máis de  1.5 hm3, permanece como reserva de auga no caso en que o río non sexa suficiente. Ademais, no peor dos escenarios e unha hipotética imposibilidade de utilizar a auga do río Lérez, Pontillón tería auga suficiente para abastecer á zona durante 15 días ou 1 mes, dependendo do consumo.  Isto, sumado á intensificación da medidas de aforro da auga, totalmente necesarias, son as claves para garantir o abastecemento.

 

É moi importante que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

 

O caudal medio do Lérez ten baixado desde os 1,7 m3/s rexistrados ao inicio desta semana ata os 1,5 m3/s deste xoves, o que reflicte a necesidade de intensificar as medidas de contención do consumo.

 

A Xunta está a manter un permanente contacto cos concellos, incidindo na importancia das medidas de concienciación á cidadanía e de preparación ante outros escenarios máis complexos, como a alerta ou a emerxencia. Hai que ter presente que a Xunta declarou a prealerta por seca o pasado febreiro e ese era o momento de empezar a tomar medidas para anticiparse e estar mellor preparados fronte a unha eventualidade coma esta.

 

Esta mesma semana, a Xunta mantivo xuntanzas cos concellos das bacías do Lérez e do Anllóns, ademais dos abastecidos polos encoros de Baiona e Zamáns, trasladándolles a necesidade de intensificar a redución do consumo da auga para garantir o abastecemento nestas áreas.

 

A Xunta seguirá con estas reunións periódicas con concellos da bacía do Lérez, co obxectivo de facer un seguimento detallado e coordinado da situación, avaliando as medidas que prevén tomar ante a situación actual e tamén en caso de empeoramento.