Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta estuda con drons se a auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, cumpre os requisitos para facer achegas ao río Lérez

O obxectivo destas análises é confirmar se a auga encorada ten a calidade necesaria para consumo humano e se é compatible coa vida do río
 

Augas de Galicia realizou extraccións en superficie, a altura media e en profundidade, chegando ata os 30 metros, para medir a presenza de metais e compostos orgánicos
― Recolléronse arredor de 20 litros de auga para a súa análise e realizouse un perfil da auga in situ para poder coñecer parámetros como a temperatura, o oxíxeno ou o PH
 

No caso de que as analíticas sexan favorables, Augas de Galicia procederá a facer unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro cara ao rego Ventoxo, afluente do Lérez
 

As auga das balsas das minicentrais augas arriba do Lérez xa se están usando para manter o caudal ecolóxico do río e en valores estabilizados, de en torno ao 1,7 m³/s
 

A pesar de que os datos constatan a estabilización do caudal do Lérez e do consumo da auga, a Xunta chama ao consumo responsable e a evitar usos innecesarios
 

Forcarei (Pontevedra), 3 de agosto de 2022 A Xunta está a estudar, mediante drons, as características da auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, co fin de avaliar se cumpre os requisitos para facer achegas ao río Lérez.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, supervisou hoxe estes traballos enmarcados na busca de solucións de alternativas por parte da Xunta para garantir as achegas ao caudal do Lérez, que abastece a Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Bueu.

 

O citado oco mineiro ten unha capacidade de ente 0,2 e 0,5 hectómetros cúbicos, o que permitiría, de cumprirse as condicións necesarias, ofrecer unha certa reserva do recurso hídrico cara ao Lérez.

 

O obxectivo das analíticas elaboradas hoxe é confirmar se a auga encorada encorada ten a calidade necesaria para consumo humano e se é compatible coa vida do río.

 

De xeito máis detallado, os técnicos tomaron mostras en superficie, en altura media e en profundidade, chegando a un máximo de 30 metros e recollendo arredor de 20 litros de auga para a súa análise. Estas mostraxes permitirán medir a presenza de metais e de compostos orgánicos na auga.

 

Ademais realizouse un perfil da auga in situ para poder coñecer parámetros como a temperatura, o oxíxeno ou o PH.

 

Os traballos desta mañá tamén contaron con técnicos do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, que tomaron mostras no río augas arriba e abaixo para avaliar a situación actual.

 

As mostras tomadas serán agora analizadas coa máxima prioridade para constatar se é viable esta solución para transvasar auga cara ao Lérez e garantir o caudal do río.

 

No caso de que as analíticas sexan favorables, Augas de Galicia procederá a facer unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro cara ao rego Ventoxo, afluente do Lérez, para achegar caudal a este río.

 

Cómpre lembrar que a auga das balsas das minicentrais existentes augas arriba do Lérez xa se están empregando actualmente para manter o caudal ecolóxico do río e para conseguir manter o seu caudal en valores estabilizados, de en torno ao 1,7 m³/s.

 

A pesar de que os datos constatan a estabilización do caudal do Lérez e do consumo da auga nos últimos días, a Xunta chama ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico.

 

Os Concellos deben seguir incidindo nas medidas xa adoptadas e implementado outras novas, como por exemplo o Concello de Sanxenxo, que pechou a piscina municipal para tratar de salvar a época estival coas garantías das reservas de auga.