Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa traballos de limpeza nos treitos interurbanos de distintos regos ao seu paso polo concello de Moaña

Estes traballos desenvólvense en tramos dos regos da Xeira, do Inferno, de Fraga e de San Bartomeu, ademais de noutros dous innominados

As tarefas realizaranse ao longo de algo máis de 3,2 quilómetros e inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle, e roza selectiva en tramos con maleza

As actuacións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-sur
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos regos da Xeira, do Inferno, de Fraga e de San Bartomeu, ademais de noutros dous innominados, ao seu paso polo concello de Moaña.

 

Os traballos execútanse en distintos tramos dos ríos, ao longo de algo máis de 3,2 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintas parroquias deste municipio.

 

As tarefas de conservación céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

 

Esta intervención contribúe á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.