Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta mantén a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Galicia-Costa ante os baixos caudais dos ríos

Os caudais circulantes en xuño seguen por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, un 25% menos ao ter en conta os dos últimos dez anos

A situación mellora con respecto ao mes de maio, cando os caudais estaban un 45% por debaixo da media histórica, grazas ás chuvias rexistradas en xuño

A ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é do 93,01%, un 5% inferior á do mesmo período do ano 2021

As previsións meteorolóxicas apuntan a un mes de xullo que non debería presentar anomalías de precipitación moi importantes
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022 A Oficina Técnica da Seca da Xunta acordou esta mañá o mantemento da declaración de situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural.

 

Neste encontro analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, confirmándose a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano.

 

En relación aos caudais circulantes rexistrados en xuño, seguen estando por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, un 25% menos ao ter en conta os dos últimos dez anos. Grazas ás chuvias rexistradas en xuño, un mes máis chuvioso do normal, a situación mellora con respecto ao mes de maio, cando os caudais estaban un 45% por debaixo da media histórica.

 

No que se refire aos encoros de abastecemento en Galicia-Costa, a súa ocupación actual é do 93,01%, un 5% inferior á do mesmo período para o ano 2021. De xeito concreto, os embalses de Zamáns e Baiona son os que máis preocupan polos seus niveis actuais, polo que a Xunta insta ás administracións locais a intensificar as medidas de aforro para evitar que se dispare o consumo en verán, de forma especial de cara aos próximos días nos que se esperan altas temperaturas e clima seco.

 

As previsións meteorolóxicas apuntan a un mes de xullo que non debería presentar anomalías de precipitación moi importantes, polo que se espera un mes con poucas choivas como é habitual nesta época do ano. Nos primeiros 15 días non se prevén cantidades de chuvia significativas, pero agárdase que as situacións anticiclónicas non ocupen toda a segunda quincena e chegue algún centro de baixas presións.

 

Actualmente todos os sistemas de explotación da demarcación Galicia Costa están en situación de seca prolongada, estando en normalidade no relativo á escaseza, polo que ata o momento non está en risco a atención das demandas hídricas asociadas aos diferentes usos.

 

Ao considerar todos os factores expostos, a Oficina Técnica da Seca acordou continuar co control do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación, que en situación de seca prolongada pasa a ter un seguimento detallado analizando máis indicadores cunha maior periodicidade.

 

Respecto á escaseza, que avalía a capacidade dos sistemas hídricos para garantir as demandas de abastecemento, cabe destacar que a situación en toda a demarcación é de normalidade, e polo momento os indicadores non amosan problemas neste sentido.

 

Non obstante, a Xunta segue a facer un chamamento a toda a sociedade para realizar un uso responsable da auga, evitando consumos innecesarios. Con isto, non só se evita consumir reservas que poden ser necesarias nos próximos meses se a situación continúa, senón tamén un maior deterioro dos ecosistemas fluviais, que este ano están a asumir un alto estrés hídrico debido á seca.

 

Anticipación

A situación de seca prolongada supón un “aviso precoz” para anticiparse ante un posible episodio futuro de escaseza de auga e concienciarse sobre o consumo responsable.

 

A súa declaración implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais recóllense medidas de concienciación da cidadanía.

 

Augas de Galicia comunícalle aos municipios a activación nestes sistemas de explotación da demarcación de Galicia-Costa da situación de seca prolongada, de cara a realizar unha eficiente xestión da situación e pór en marcha as medidas necesarias para paliar e diminuír os efectos dun posible escenario de seca.

 

Na comunicación aos concellos, Augas de Galicia traslada medidas estratéxicas como o incremento da frecuencia do control dos indicadores de seca e o intercambio e actualización da información.

 

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá acerca da escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais; así como no control do usos do recurso desde o organismo de conca e dos concellos ou sistemas de abastecemento.

 

Cómpre lembrar que Galicia é unha comunidade mellor preparada para afrontar estes episodios, tras a aprobación da Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de emerxencia sanitaria.