Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa traballos de limpeza nos treitos interurbanos de distintos ríos ao seu paso polo concello de Vila de Cruces

Estes traballos desenvólvense en tramos dos ríos Beuvas, Añobre, Frontilleiro, e outros tres innominados, ao longo de máis de 3 quilómetros


As tarefas inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle, e roza selectiva en tramos con maleza


 As actuacións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-centro
 

 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Beuvas, Añobre, Frontilleiro, e outros tres innominados, no concello de Vila de Cruces.

 

Os traballos execútanse en distintos tramos dos ríos, ao longo de máis de 3 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintas parroquias deste municipio.

 

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

 

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.