Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recibe 4 ofertas para executar a mellora do sistema municipal de abastecemento de auga de Leiro, que suporá un investimento de 360.000 euros

Trátase de resolver os problemas de funcionamento na rede de subministración de auga deste municipio, coa renovación do treito da tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no concello de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro
 

A Xunta financiará o 80% da actuación e dirixirá e executará as obras, mentres os concellos asumen á posta á disposición dos terreos, e o cofinanciamento do 20% restante
 

As obras darán servicio a unha poboación de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045
 

 O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que presten de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 4 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, que suporán un investimento de 360.000 euros.

As actuación enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro. Segundo ese acordo, a Administración autonómica cofinanciará a actuación nun 80%, comprometéndose as entidades locais a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais.

A través deste contrato executaranse as obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.

As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Actuacións en Leiro
O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro e distribúese a través dunha condución cunha lonxitude aproximada de algo máis de 7 quilómetros, dos cales máis de 4,7 se sitúan no termo municipal de Boborás e preto de 2,4 no municipio de Leiro.

Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación.

Coas actuacións impulsadas desde Augas de Galicia, procúrase a renovación da rede municipal mediante a substitución da tubaxe existente e a instalación de ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos, coa finalidade de garantir o abastecemento á poboación.
As obras darán servicio a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no medio rural.