Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

O proxecto Innovaugas 4.0 da Xunta, premio á mellor iniciativa pública no sector da auga nos galardóns ‘Water Europe Innovation 2022’

Os premios promóveos a plataforma Water Europe, creada pola Comisión Europea e que congrega a 250 membros de 28 países que representan a toda a cadea de valor da auga

Innovaugas 4.0 é un proxecto da Xunta para acadar solucións innovadoras na xestión integrada das augas e responder ás diferentes demandas, en equilibrio co medio natural e atendendo ao escenario do cambio climático

A iniciativa, cun orzamento de 7 M€, foi seleccionada polo Ministerio de Ciencia na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública

 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022 O proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido pola Xunta, a través de Augas de Galicia, foi galardoado como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Europe Innovation’.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e o xestor de proxectos e fondos europeos da entidade, Iván Cacheiro, recolleron onte este recoñecemento no acto que tivo lugar en Bruxelas no marco da conferencia anual “Water Innovation Europe”, un dos eventos comunitarios de referencia do sector da auga.

 

Gonzalo Mosqueira explicou os obxectivos deste proxecto de compra pública innovadora que está a desenvolver Augas de Galicia para poñer en valor a aposta estratéxica pola innovación impulsada pola Xunta.

 

Estes galardóns son organizados pola plataforma Water Europe (WE), creada pola Comisión Europea en 2004, e que actualmente congrega a 250 membros de 28 países que representan a toda a cadea de valor da auga, desde a industria e os servizos e autoridades públicas ata as organizacións da sociedade civil.

 

O obxectivo desta plataforma é contribuír a resolver os desafíos globais relacionados coa auga e xerar un uso intelixente, sostible e eficaz dos recursos hídricos.

 

Innovaugas 4.0

Cómpre lembrar que Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido polo Goberno galego, a través de Augas de Galicia, co fin de acadar solucións innovadoras para a xestión integrada avanzada das augas e a resposta ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, atendendo ao escenario do cambio climático.

 

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

 

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, contando cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€. Ademais é cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), que achega 700.000 euros, e por Augas de Galicia, que aporta 2,1 M€.