Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta mantén a prealerta por seca en toda a conca da demarcación Galicia-Costa ante os baixos caudais dos ríos

 A oficina técnica da seca amosa preocupación pola situación xeral de cara ao verán e especialmente polos rexistros de caudais circulantes, que en abril estiveron un 48% por debaixo dos valores habituais nese mes


Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- A Oficina Técnica da Seca da Xunta acordou esta mañá o mantemento do estado de prealerta en toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, encabezada por Augas de Galicia e integrada por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural.

 

Neste novo encontro analizouse o detalle da evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, confirmándose a anomalía hidrolóxica que se vén advertindo nos anteriores meses do ano.

 

Desta análise despréndense varias cuestións ás que os técnicos da Oficina da Seca están a prestar especial atención, sendo unha delas os caudais circulantes rexistrados nos ríos da demarcación que, no mes de abril, foron un 48% inferiores aos que normalmente se rexistran neste mes do ano.

 

Máis en detalle, a suma do caudal circulante rexistrado nas estacións de medición que a Xunta mantén nos ríos da demarcación, situábanse a inicios de xaneiro en 200 m3/s e a finais de febreiro baixaron a 85 m3/s. Ata finais de marzo observábase unha certa recuperación, pero no mes de abril descendeu aos 115 m3/s, polo que se segue en valores inferiores á media histórica. Esta percepción global constátase nos datos analizados de forma individualizada para cada río.

Por outro lado, a ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galicia-Costa mantense no 81,92%, un 0,99% inferior á ocupación media no mesmo período do ano pasado, cando rexistraban o 82,91%.

A maior atención no seguimento céntrase nos caudais de entrada a eses encoros, xa que eses caudais de entrada sitúanse, na maior parte dos casos, na parte inferior do rango do rexistro histórico para está época do ano.

Ademais, as precipitacións da serie rexional rexistrados no mes de abril foron un 32% inferiores ao valor climático normal, cunha media de 84l/m2.

 

As previsións apuntan a un mes de maio no que non se agardan cambios moi significativos con respecto a esta semana, cunha situación anticiclónica en xeral para a vindeira semana, que en certos momentos podería deixar espazo a algunha precipitación eventual.

 

Pese á situación hidrolóxica anómala actual, aínda nos encontramos lonxe dun escenario de escaseza que poida afectar aos abastecementos, e coas reservas hídricas nun nivel óptimo de cara ao inicio do verán. Non se ten constancia de ningunha incidencia particular sobre o abastecemento.

 

Á vista de todo o exposto a Oficina Técnica da Seca acordou continuar co control do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación, que coa declaración da prealerta de seca, pasou a ter un seguimento detallado analizando máis indicadores cunha maior periodicidade.

 

Ademais preténdese intensificar o labor de concienciación, tanto a concellos como á cidadanía en xeral, facéndose un chamamento especial ao aforro de auga, para evitar posibles problemas no futuro.

 
“Aviso precoz” e anticipación

A activación do estado de prealerta é unha medida preventiva da Xunta que funciona como un “aviso precoz” que busca a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.

 

A súa declaración implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais recóllense medidas de concienciación da cidadanía.

 

Augas de Galicia intensifica así o labor de control do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación, avaliando un abano máis amplo de indicadores.

 

Ademais, segundo estable o Plan de Seca da Demarcación Galicia-Costa, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 agosto de 2013, Augas de Galicia comunícalle formalmente aos municipios a activación nestes sistemas de explotación do ámbito competencial de Galicia-Costa do estado de prealerta hidrolóxica, de cara a realizar unha eficiente xestión da situación e para pór en marcha as medidas necesarias para paliar e diminuír, na medida do posible, os efectos dun posible escenario de seca.

 

Na comunicación aos concellos, Augas de Galicia traslada medidas estratéxicas que se propoñen adoptar neste estado de prealerta, nas que se inclúen o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores de seca e o intercambio e actualización da información.

 

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá acerca da escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais; así como no control do usos e detraccións do recurso desde o organismo de conca e o control dos usos a nivel dos concellos ou sistemas de abastecemento.

 

A Xunta lembra, ademais, que Galicia é unha comunidade mellor preparada para afrontar estes episodios, tras a aprobación dunha lei pioneira, a Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de emerxencia sanitaria.

 

Dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.