Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realiza traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos no concello de Poio

Augas de Galicia leva a cabo estas actuacións en 6 regos, sumando os treitos obxecto das intervencións unha lonxitude de máis de 4,6 km

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos no concello de Poio.

 

Concretamente, Augas de Galicia está a desenvolver estes traballos en distintos treitos interurbanos dos regos da Cancela, do Mouro, do Pereiro, do Esperón, do Covelo e de Frierira ou dos Muíños, que pasan por distintas parroquias do municipio.

 

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 4,6 km.

 

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

 

Os traballos céntranse na roza selectiva e a retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

A Xunta realiza estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.