Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realiza traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Grande ao seu paso polos concellos de Carballo e de Coristanco

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de máis de 5 km

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Grande, ao seu paso polos concellos de Carballo e de Coristanco.

Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

Os treitos nos que se están levando a cabo estas tarefas suman unha lonxitude de máis de 5 km. As intervencións céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

O departamento que preside Ethel Vázquez, mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.