Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita por case 10,2 M€ o contrato de explotación e mantemento da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, para os vindeiros 2 anos

O Goberno galego dá continuidade ao servizo que garante a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, tendo en conta que Pontevedra é a única gran cidade na que o Concello non xestiona a depuradora municipal

Dado os elevados custos enerxéticos do sistema de depuración, o novo contrato exclúe a xestión enerxética, que asumirá a Xunta a través dun mecanismo centralizado, co obxectivo de minorar o impacto da factura eléctrica

As empresas interesadas teñen ata o 7 de marzo para presentar as súas ofertas

A Xunta ten desde este outono funcionando en fase de probas as obras de mellora da depuradora dos Praceres, nas que inviste 16,5 M€ e que se complementan co novo emisario submarino, en execución cun investimento de 12 M€

A mellora da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado pola Xunta e dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría, no que se prevé un investimento global de 47 M€

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por 10.192.193 euros o contrato de explotación e mantemento da depuradora dos Praceres e as súas instalacións asociadas, en Pontevedra, para os vindeiros 2 anos.

A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de marzo.

O contrato licitado abrangue a xestión e conservación das actuais instalacións dos Praceres, que recibe e trata as augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, por un prazo de execución de 24 meses. No mesmo contrato prevese tamén a posibilidade de prórroga por un prazo máximo de 36 meses máis. Isto eleva o valor estimado deste contrato a algo máis de 24 M€, tendo en conta o importe correspondente ás prórrogas contractuais e tamén as variacións á alza previstas para as cantidades de reactivos a dosificar e de residuos a tratar.

Na depuradora dos Praceres o proceso de tratamento está constituído por un desbaste de grosos e finos, desareado-desengraxado, tratamento fisicoquímico primario con decantación lamelar, tratamento biolóxico con tecnoloxía MBBR, decantación lastrada, desinfección UV e bombeo de emisario.

O tratamento de lamas dispón de dúas liñas: a liña de lamas primarias formada por espesador estático, dixestor anaerobio e silo de lamas, e a liña de lamas secundarias formada por tambores espesadores e deshidratación mediante centrífugas.

Tendo en conta os elevados custos enerxéticos do sistema de depuración, o novo contrato de explotación exclúe a xestión enerxética, que asumirá a Xunta a través dun mecanismo centralizado, co obxectivo de minorar o impacto da factura eléctrica.

Cómpre lembrar que a construción da depuradora dos Praceres está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma, sendo Pontevedra a única gran cidade na que o Concello non xestiona a depuradora municipal.

O Concello de Pontevedra transferiulle a Augas de Galicia no ano 2007 o servizo de mantemento da depuradora dos Praceres, que recibe e trata as augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio. Naquel momento, as instalacións limitábanse a ofrecer un tratamento físico-químico e posteriormente foron ampliadas para completar a depuración con tratamento secundario e desodorización, entre outras melloras.

Desde o pasado outono están funcionando en fase de probas os novos sistemas de tratamento no marco do contrato das obras de mellora executadas pola Xunta. Tras un investimento autonómico de 16,5 millóns de euros, a reforma tecnolóxica executada permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, e dar cumprimento os límites de vertido marcados pola directiva europea.

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.
Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 29 estaciones depuradoras de augas residuais.
Nesta liña o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.

Plan de saneamento local

A cooperación da Xunta coa comarca de Pontevedra permite a mellora da calidade de vida das poboacións asentadas entorno á ría, o aumento da competitividade económica e o fomento do turismo, así como a mellora da produtividade no sector marisqueiro.

Neste eido, a Xunta está a executar o novo emisario submarino dos Praceres, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE. Estas obras supoñen un investimento autonómico de 12 millóns de euros.

Tanto a mellora da depuradora como a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado pola Xunta tras unha exhaustiva análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría e que prevé un investimento total da Administración autonómica de preto de 47 millóns de euros.

As intervencións de saneamento da ría de Pontevedra están financiadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.