Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Sete empresas presentan as súas ofertas para as obras de mellora dos servizos de saneamento municipal en varios núcleos de Muíños, licitadas por 205.000€

O obxecto da actuación é modernizar o sistema de tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e realizar reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Muíños o pasado mes de xuño

A Xunta, ademais de achegar o 80% do orzamento, tamén se compromete a contratar, dirixir e acometer as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses

O Concello contribuirá ao financiamento do 20% restante e asumirá a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo

A Xunta continúa axudando aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021.-. Un total de sete empresas presentaron ofertas para executar as obras de mellora do servizo de saneamento municipal en varios núcleos do concello de Muíños, que foron licitadas por un orzamento de 205.000 euros.

O obxectivo é mellorar o tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e a realización de reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Muíños o pasado mes de xuño.
Segundo o recollido neste convenio, a Xunta asume o 80% do investimento, ademais de levar a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Pola súa banda, o Concello de Muíños contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

As actuacións que se levarán a cabo

As obras consisten construción dunha nova rede en Muíños, que comezará nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e continuará por terreos rústicos cara ao norte, ata a estrada que vai a Mugueimes, onde se conectará cun pozo da rede que baixa pola citada vía.

A nova rede cruzará o río ancorada á ponte e descargará nunha nova estación de bombeo desde a que se elevarán as augas á rede da depuradora do Parque.

En canto á nova rede no lugar do Barrio, terá unha lonxitude de 298 metros e contará con 14 pozos de rexistro. Tamén disporá dun ramal lateral de 56 metros en tubo das mesmas características, de 160 mm de diámetro.

Ademais, as obras inclúen a localización e a posta en rasante de tapas de rexistro de pozos na estrada de Mugueimes e a limpeza de areeiros de fosas existentes en distintos núcleos.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente e acorde ás necesidades dos cidadáns.