Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita por preto de 93.000 euros as obras de renovación da rede de abastecemento de auga en Magros, no Concello de Beariz

O obxectivo é dotar dunha nova rede de abastecemento aos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo que asegure un caudal de auga mínimo ás vivendas e ás bocas da rega

As actuacións incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021.- A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por preto de 93.000 euros as obras de renovación da rede de abastecemento de auga no lugar de Magros, no concello de Beariz.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación das obras. As empresas interesadas neste proxecto poderán presentar as súas ofertas desde hoxe e ata o vindeiro 20 de decembro.
Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en xuño entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, no que se recolleron as actuacións necesarias para dotar dunha nova rede de abastecemento aos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo.

Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%, ao tempo que asume a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de catro meses.

Pola súa banda, o Concello de Beariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Actuacións

A actuación proxectada por Augas de Galicia ten como obxectivo a execución dunha nova rede de abastecemento nos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo para asegurar un caudal de auga mínimo de 200 l/habitante-día ás vivendas e un caudal nas bocas de rega e incendio.

As obras incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, instalando tubaxe de 75 mm de diámetro.

En ambos os extremos colocaranse válvulas redutoras de presión. Renovarase tamén toda a rede da Aldea de Abaixo con tubaxe.

En conxunto, executarase un total de 456 metros de tubaxe, ademais de chaves de paso, bocas de rega, ventosas e desaugadoiros para o correcto funcionamento da rede. Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 431 habitantes.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.