Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita por 1,9 M€ un sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras

O sistema analizará datos en tempo real para facilitar a toma de decisións na xestión das depuradoras e implantará os principios da economía circular no ciclo da auga

O contrato, ao que as empresas poden presentar ofertas ata o 21 de decembro, ten un prazo de 15 meses, incluíndo as fases de deseño, desenvolvemento, probas e certificado

A proposta probarase nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021.- A Xunta licita hoxe por 1,9 millóns de euros un sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras.

Este servizo enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, unha iniciativa da Xunta para mellorar a xestión dos recursos hídricos galegos, a través dun modelo de economía circular nas depuradoras urbanas.

O programa hoxe licitado consiste nun servizo de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real que facilite a toma de decisións nas estacións depuradoras de pequeno e mediano tamaño.

O contrato ten un prazo de execución de 15 meses, que inclúe as fases de deseño da solución, desenvolvemento e integración, probas e validación e a certificación final.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de decembro.

Obxectivos

O servizo ten como obxectivo garantir o cumprimento dos parámetros de calidade con respecto da auga vertida ao medio receptor, a optimización dos consumos enerxéticos de cada depuradora, así como a fiabilidade operativa das instalacións para que operen con eficiencia.

Trátase dun sistema de simulación avanzada nun entorno controlado, achegando recomendacións en tempo real a Augas de Galicia para tomar decisións sobre os distintos procesos de cada depuradora e implantar os principios do modelo de economía circular no ciclo integral da auga.

Neste sentido, esta proposta será probada nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño de Galicia.

Innovaugas

Cómpre lembrar que Innovaugas 4.0 é unha iniciativa promovida por Augas de Galicia para buscar solucións novedosas na xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta ás demandas dos diferentes usos, atendendo ao contexto do cambio climático.

Innovaugas 4.0 recibiu o ano pasado a presentación de 162 propostas de empresas, centros tecnolóxicos e universidades de España e internacionais.

Este proxecto innovador conta cun presuposto de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondos Europeos FEDER.

Ademais Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, dispoñendo dunha axuda de fondos europeos de 4,2 millóns de euros e tamén do cofinanciamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN), con 700.000 euros, e de Augas de Galicia, que aportará 2,1 millóns de euros.