Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta convida aos profesionais do mar a implicarse no impulso da Lei de mellora da xestión do ciclo da auga para blindar o futuro da súa actividade e acabar con 270 vertidos ás rías

Vázquez Mourelle subliña que a Lei lles achega aos concellos a oportunidade da xestión profesionalizada por parte da Xunta dos seus sistemas de saneamento e depuración, incluíndo as depuradoras e as redes, para evitar vertidos e infiltracións

Rosa Quintana destaca o compromiso da Xunta para avanzar con esta normativa no abastecemento, saneamento e depuración de augas, un ámbito que implica a diferentes axentes e sectores, entre eles o marítimo-pesqueiro

A conselleira de Infraestruturas reitera que a adopción deste modelo por parte dos concellos será voluntaria e non suporá a creación de novas taxas aos usuarios

Salienta que a Xunta mobilizou desde 2009 máis de 1.100M€ en actuacións hidráulicas nos concellos, dos que 600 M€ están enfocados a mellorar a calidade das augas das rías, con 40 M€ consignados nos Orzamentos de 2022

Remarca que froito dese esforzo mellorouse en case 10 puntos a porcentaxe de masas de auga en bo estado, en parte grazas á construción de 45 novas depuradoras

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de novembro de 2021.- A Xunta convida aos profesionais do mar a implicarse no impulso da Lei de mellora da xestión do ciclo da auga para blindar o futuro da súa actividade e acabar con 270 vertidos ás rías.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes das principais confrarías, da Asociación de Depuradores de Moluscos, do Clúster da Acuicultura ou da Comisión do Mexillón para informalos do anteproxecto de Lei, que se prevé aprobar en outono no Consello da Xunta. No encontro tamén participaron as directoras de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do Intecmar, Covadonga Salgado.

Vázquez Mourelle subliñou que o texto supón un novo modelo de funcionamento dos sistemas de saneamento e depuración para garantir a súa calidade e a súa eficiencia, a través dunha xestión profesionalizada.

Neste sentido, Rosa Quintana destacou o compromiso da Xunta para avanzar con esta futura normativa no abastecemento, saneamento e depuración de augas, un ámbito que implica a diferentes axentes e sectores, entre eles o marítimo-pesqueiro.

Sinalou a importancia de manter informado ao sector dos pasos que se están a dar na tramitación deste anteproxecto de Lei co que o Executivo galego busca garantir a calidade dos servizos aos cidadáns e a eficiencia na explotación das infraestruturas en materia de augas. Unha cuestión, subliñou Rosa Quintana, que incide en distintas actividades económicas como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, de aí a relevancia de manter encontros coma o de hoxe.

A conselleira de Infraestruturas explicou que a xestión autonómica non só se centrará nas depuradoras, senón que tamén terá en conta o que sucede nas redes da saneamento, evitando os vertidos contaminantes e as infiltracións de augas de chuvia.

Remarcou que a Lei ten como obxectivo atallar unha situación na que preto da metade das depuradoras municipais teñen deficiencias no seu funcionamento, o que significa que a auga se devolve ás rías e aos ríos sen o tratamento axeitado.

Ethel Vázquez recordou que aínda que as competencias de saneamento e abastecemento son municipais, a Xunta, a través desta lei, pon ao servizo dos concellos unha ferramenta eficaz para afrontar con acerto a difícil e custosa responsabilidade de prestar estes servizos de forma axeitada.

Reiterou que a adopción deste sistema por parte dos concellos será sempre voluntaria e non levará aparellada a creación de novas taxas aos usuarios. Aqueles concellos que voluntariamente decidan encomendarlle á Xunta a xestión dos seus sistemas de saneamento ou depuración terán garantido o bo funcionamento e a calidade dos servizos.

1.100 M€ mobilizados

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que o Goberno galego mobilizou desde 2009 máis de 1.100 millóns de euros en actuacións de saneamento, depuración e abastecemento para colaborar cos concellos nas súas competencias de xestión da auga. Deses investimentos, preto de 600 M€ están centrados en actuacións para mellorar a calidade das augas das rías galegas, con 40 M€ consignados para este fin nos Orzamentos de 2022.

Salientou que froito dese esforzo logrouse mellorar en case 10 puntos a porcentaxe de masas de auga que se atopan en bo estado en Galicia, en parte grazas á construción de 45 novas depuradoras.

Ademais de executar novas infraestruturas, puntualizou que a Xunta desenvolveu 14 plans de saneamento local cos que se renovaron case 2.400 km de redes municipais e se identificaron os principais problemas dos sistemas que causaban vertidos contaminantes.