Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos regos do Campelo e das Maceiras, no concello de Redondela

Os traballos desenvólvense en ambos os dous regos ao seu paso polas parroquias de Reboreda e de Redondela

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de preto de 4,2 km

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego do Campelo e do rego das Maceiras, no concello de Redondela.

Estes traballos desenvólvense en ambos os dous regos, ao seu paso polas parroquias de Reboreda e de Redondela.

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de preto de 4,2 km. As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.