Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta convida aos concellos a realizar achegas á lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, coa que poderán encomendarlle o funcionamento das súas depuradoras

Vázquez Mourelle defende a necesidade dun novo modelo de xestión para garantir a calidade e a eficacia no saneamento e a depuración con tarifas igualitarias para todo o territorio

Explica que, coa encomenda á Xunta da xestión de sistemas de abastecemento e de depuración, os municipios poderán garantirlles servizos eficaces e profesionais aos veciños

Remarca que a Xunta, a pesar de que o saneamento e abastecemento son competencias locais, mobilizou na última década 1.100 M€ en obras nesta materia

Sinala que estas actuacións hidráulicas acometidas pola Xunta melloraron en case 10 puntos a porcentaxe de auga en bo estado, grazas á construción de 160 depuradoras

Remarca o desenvolvemento de 14 plans de saneamento local por parte da Xunta, cos que se renovaron case 2.400 quilómetros de redes municipais

Subliña o traballo do Goberno galego a prol da mellora da xestión do ciclo integral da auga, que incide na saúde, no medio ambiente e en actividades como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021.- A Xunta convida aos Concellos a realizar achegas á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, coa que poderán encomendarlle o funcionamento das súas depuradoras.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, participou hoxe nun encontro dixital para presentar este anteproxecto de lei, cuxa tramitación comezou en xullo e se atopa en fase audiencia pública ata o 15 de setembro.

Neste encontro, co que a Xunta busca máxima participación e transparencia, participaron preto de 110 representantes de concellos e doutras administracións, así como de empresas do sector da auga ou dos colectivos docente e universitario, colexios profesionais e diferentes asociacións.

Esta iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 mediante actuacións transformadoras de loita contra o cambio climático e a prol do crecemento verde e inclusivo.

Vázquez Mourelle salientou que esta nova lei procura un novo modelo de xestión que garanta a calidade e a eficacia nos servizos de saneamento e depuración con tarifas igualitarias para todo o territorio.

Explicou que se trata dun novo modelo que se basea na implicación directa da Xunta no funcionamento e no financiamento das infraestruturas, como garantía dunha xestión profesionalizada dos servizos da auga.

Sinalou que o regulamento tamén busca a corresponsabilidade, coa implicación dos concellos como titulares das competencias, pero tamén das deputacións provinciais como administracións responsables de axudar aos municipios pequenos.

Neste sentido, indicou que a Xunta lles ofrece aos municipios a encomenda da xestión dos seus sistemas de abastecemento e depuración para que poidan ter garantido que lle prestan aos seus cidadáns servizos eficaces e dirixidos de forma profesional.

Apoio aos concellos

Fixo fincapé no apoio da Xunta aos concellos, a pesar de que os servizos de abastecemento de auga e de saneamento e depuración das augas residuais son competencias locais.

Remarcou as dificultades técnicas e económicas de municipios, especialmente os rurais, para cumprir de forma eficaz con esas responsabilidades, polo que a Xunta dedica grandes esforzos a axudalos na xestión da auga.

Recordou que o Goberno galego mobilizou na última década máis de 1.100 M€ en actuacións de saneamento, depuración e abastecemento, mellorando en case 10 puntos a porcentaxe de masas de augas en bo estado, grazas á construción de 160 depuradoras.

Subliñou que a Xunta tamén desenvolveu 14 plans de saneamento local cos que se renovaron case 2.400 quilómetros de redes municipais.

Non obstante, destacou que para acadar un funcionamento óptimo do ciclo integral da auga non abonda con novas infraestruturas, senón que é imprescindible xestionalas de forma axeitada. Puxo como exemplo que a pesar dun investimento de varios millóns de euros nunha nova depuradora nun concello, se despois a Administración local non dispón dos medios técnicos para que funcione correctamente, colapsará o sistema.

A este respecto, concluíu que o Executivo autonómico traballa co obxectivo de mellorar a xestión dos sistemas que compoñen o ciclo integral da auga e cuxo funcionamento afecta á saúde pública, a calidade de vida, ao patrimonio ambiental e a actividades como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo.