Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta inicia as obras de mantemento e mellora do sistema de regulación do caudal ecolóxico da presa de Baiona, que suporán un investimento de 270.000 euros

A actuación, cun prazo de execución de 5 meses, ten como obxectivo incrementar o control e mellorar as condicións de regulación desta presa

Trátase de poñer en funcionamento un sistema que permita a regulación da presa nun rango de entre 270 l/s e 10 l/s, de xeito máis preciso e eficiente

As actuacións inclúen a montaxe na cámara de válvulas dun sistema de calefacción para evitar condensacións, a mellora do sistema de auscultación, así como a incorporación de novos manómetros e un elongámetro telescópico dixital

Tamén prevé a renovación completa do cadro e do sensor en dous aforadores, a mellora da carpintería metálica e traballos de limpeza do aliviadero da presa

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou as obras de mantemento e mellora do sistema de regulación do caudal ecolóxico da presa de Baiona, que suporá un investimento autonómico de 270.000 euros.

Esta actuación, adxudicada á empresa Proyecon Galicia, S.A., conta cun prazo de execución estimado de 5 meses. Esta actuación cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Feder Galicia 2014-2020.

Entre os labores para incrementar o control e mellorar as condicións de regulación desta presa destacan os traballos de posta en funcionamento dunha derivación sobre unha das dúas liñas de desaugue de fondo existentes, sobre a que dispor unha válvula de comporta e outra de regulación que permita a súa regulación nun rango entre 270 l/s e 10 l/s, de xeito máis preciso e eficiente.

As actuacións inclúen a instalación na cámara de válvulas dun sistema de calefacción, para evitar condensacións, a mellora do sistema de auscultación mediante a substitución da pantallas de display de diversos aforadores, así como a incorporación de novos manómetros e un elongámetro telescópico dixital. Tamén se renovará completamente o cadro e o sensor en dous aforadores.

Os traballos permitirán, ademais, a mellora da carpintería metálica, a limpeza do paramento do aliviadero da presa, retirando a vexetación do seu interior, e a rehabilitación do tramos do camiño de coroación que presentan armaduras sen recubrimento.

Finalmente, procederase á desmontaxe e retirada completa das plataformas metálicas existentes no paramento de augas abaixo do dique da presa.