Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recibe 9 ofertas para a redacción do proxecto construtivo de mellora da estación de bombeo de augas residuais de Mogor, en Marín

Os traballos, licitados por un investimento autonómico de máis de 120.000 euros e un prazo de execución de 6 meses, céntranse na definición das actuacións precisas para axustar a capacidade de impulsión á poboación da área rural oeste deste municipio

Acondicionarase a infraestrutura tamén para reter o exceso de auga en tempo de choiva

Esta actuación enmárcase no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, no que a Xunta está a investir 47 M€

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 9 ofertas para a redacción do proxecto construtivo de mellora da estación de bombeo de augas residuais (EBAR) de Mogor, no concello de Marín.

As actuacións obxecto deste contrato, licitado por un investimento de máis de 120.000 euros, recaen sobre a estación de bombeo denominada ‘Mogor 2’, e consisten nas análises da viabilidade, alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo da obra de mellora das instalación existentes.

Esta actuación cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

O obxectivo é adaptar a capacidade de impulsión a estación de bombeo ‘Mogor 2’ á poboación servida e de reter o exceso de auga en tempo de choiva, acondicionando a infraestrutura actual e intentando conseguir un volume de retención duns 500 m3.

Trátase de resolver a problemática do servizo na área rural oeste do concello de Marín, que engloba un gran número de bombeos en zonas rurais e urbanas dispersas que operan en cadea. Moitos deles non dispoñen de sistema de desbaste, o que provoca atascos e os consecuentes alivios ao medio. As redes, en xeral, son separativas aínda que ao seren moi extensas, hai zonas nas que se produce a entrada de augas pluviais, o que provoca certos alivios en tempo de choiva.

O bombeo de ‘Mogor 2’ é un dos principais da zona occidental do concello de Marín e recibe as augas procedentes dos bombeos ‘Goleta’ e ‘Mogor 1’, ademais de colectores que descargan por gravidade. A superficie total que finalmente descarga no bombeo ‘Mogor 2’ é moi extensa e en tempo de choiva recibe caudais moi elevados que provocan alivios ao medio receptor. Outro dos problemas que presenta o bombeo é que a súa capacidade é superior á que pode absorber o colector interceptor actual.

Saneamento da ría de Pontevedra

Esta actuación forma parte das distintas actuacións propostas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, de Marín, de Poio e de Vilaboa.

O Plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con obras xa en marcha por 32 millóns e outras novas proxectadas por máis de 15 millóns.

En concreto, esta é unha das 10 desas novas intervencións, entre as que destacan, ademais, as planificadas na contorna do río Lameira, tamén en Marín; o bombeo de Cocheras ou a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; ou o tanque de tormentas e bombeo na Seca, en Poio.