Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recibe dezanove ofertas para executar as obras de mellora do abastecemento de auga ás parroquias estradenses de Tabeirós e de Nigoi, que suporán un investimento de 715.000 €

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 10 meses, prevense iniciar a finais deste mesmo ano co obxectivo de culminalos en 2022

A Xunta e o Concello da Estrada colaboran para garantir este servizo básico a núcleos de poboación que se autoabastecen con pozos privados e teñen dificultades para dispor de auga na cantidade e na calidade necesarias

Augas de Galicia executará e financiará nun 80% as obras e a entidade local asumirá o 20% restante

Aproveitarase a rede de abastecemento que capta a auga no río Umia e a potabiliza na ETAP de Eiriz, construíndo unha nova condución con 24 ramais

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén como prioridade apoiar aos concellos na extensión ao conxunto da poboación dos servizos básicos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de dezanove ofertas para executar as obras de mellora do abastecemento de auga ás parroquias estradenses de Tabeirós e de Nigoi, que suporán un investimento de 715.000 euros.

Este contrato, cun prazo de execución de 10 meses, enmárcase na colaboración entre a Xunta e o Concello da Estrada para dotar de abastecemento os núcleos que conforman estas parroquias. O obxectivo da Xunta é iniciar as obras a finais deste mesmo ano e culminalas en 2022.

Segundo o acordado entre a Xunta e o Concello, Augas de Galicia, ademais de licitar e executar as obras, achegará o 80% do investimento. Pola súa banda, a entidade local asumirá o 20% restante.

Con esta actuación, o departamento que dirixe Ethel Vázquez responde a unha solicitude do Concello da Estrada, que demandou apoio para impulsar as obras que leven o servizo básico de abastecemento municipal ás parroquias de Tabeirós e de Nigoi. Nelas existen varios núcleos de poboación que se autoabastecen a través de pozos privados nos que se xeran, con frecuencia, dificultades para garantir a auga en cantidade e calidade.

Para acometer estas obras e dotar de abastecemento as parroquias de Tabeirós e de Nigoi prevese aproveitar a rede de abastecemento en alta que capta a auga no Umia e a potabiliza na ETAP de Eiriz.

Para iso, segundo recolle o proxecto de obra, derivarase unha rede da que sairán 24 ramais, cunha lonxitude de máis de 11.500 metros, para levar o abastecemento aos distintos núcleos. A nova tubaxe discorrerá, principalmente, baixo as calzadas de vías municipais, se ben será necesario executar unha condución subterránea de 300 mm de diámetro baixo a estrada provincial situada nestas parroquias, a EP-7001.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

O Goberno galego mantén como prioridade apoiar aos concellos na extensión ao conxunto da poboación dos servizos básicos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal.