Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realizará un inventario das infraestruturas que existen nas 170 áreas fluviais con maior risco de inundación da demarcación Galicia-Costa

Augas de Galicia licita por case 1,3 millóns de euros o contrato de servizo para estudar a influencia no risco de inundación das estruturas situadas en 548 km de río

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de xuño e os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses

Identificaranse as distintas tipoloxías de defensa e protección nos encauzamentos e canalizacións dos ríos, a través de muros, recheos ou dragados, para a análise do seu efecto e para priorizar solucións para minimizar o risco de inundación

Rexistrará todas as estruturas que permiten o cruce de estradas ou do ferrocarril sobre o río, para establecer unha estratexia de redución de riscos e garantir o seu correcto funcionamento en situacións de avenida

Estes traballos facilitarán o deseño de medidas para paliar, minimizar ou controlar as inundacións, así como para a mellora da condición ecolóxica dos ríos

A Xunta aprobará antes do 21 de decembro de 2021 o novo Plan de xestión do risco de inundación

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021.- A Xunta realizará un inventario das infraestruturas que existen nas marxes dos ríos das 170 áreas con maior risco de inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe na Plataforma de Contratos Públicos da Xunta a licitación deste contrato de servizo, cun investimento de case 1,3 millóns de euros.

As empresas interesadas nestes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 3 de xuño. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

O obxectivo do traballo é analizar todas as áreas fluviais delimitadas de forma provisional no novo Plan de xestión de risco de inundación de Galicia-Costa, correspondente ao ciclo 2021-2027, e que suman unha lonxitude total de 548 km de río.

Dunha banda, os traballos consistirán en identificar as infraestruturas de defensa lonxitudinal fronte a inundacións e protección de marxes ao longo destas áreas de risco, como poden ser os encauzamentos e canalizacións, a través de diferentes tipoloxías como muros ou motas. Tamén se inclúen as coberturas ou entubamentos, recheos e dragados.

Por outra banda, prevese a identificación das infraestruturas de drenaxe transversal, que son as que permiten o cruce de estradas ou das vías do ferrocarril sobre o río, xa sexan pontes ou outras estruturas.

A catalogación permitirá recompilar e inventariar todas as infraestruturas da entorna deste ríos e rexistralas, para posteriormente establecer unha estratexia para a redución do risco de inundación, á vez que se garante o correcto funcionamento da estrada ou ferrocarril en situacións de avenida.

No marco deste traballo, formularanse distintas solucións técnicas para a mellora do funcionamento destas infraestruturas e, ao mesmo tempo, proporase unha priorización das posibles medidas atendendo á perigosidade, risco e importancia das mesmas.

Estes inventarios e a súa posterior análise, constituirá unha ferramenta máis para axudar a Augas de Galicia no estudo do comportamento e do efecto desas infraestruturas no río, e posibilitará facer unha proposta de medidas dunha forma máis integral, de modo que permitan paliar, minimizar ou controlar as inundacións, pero tendo presente tamén a mellora da condición ecolóxica do río.

Cómpre lembrar que de cara a minimizar os efectos negativos producidos polas enchentes, e segundo o establecido a normativa europea, a xestión do risco de inundacións realízase en ciclos de seis anos, tendo avanzado Augas de Galicia no desenvolvemento das distintas fases, que culminarán coa aprobación do Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que deberá estar aprobado antes do 21 de decembro de 2021.