Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta publica no DOG a encomenda á empresa pública Tragsa das obras de reposición do leito do Regato de Souto no Concello de Sanxenxo

A intervención, cun investimento autonómico de máis de 57.000 euros, forma parte das actuacións de Augas de Galicia de protección de ribeiras fluviais

Actuarase nas inmediacións da praia de Major, bordeando a lagoa artificial existente no lugar de Soutullo, na parroquia de Noalla

Os traballos céntrase nun treito de arredor de 90 metros, desde arqueta de reparto de augas entre a canalización soterrada do regato e a lagoa

Retirarase a tubaxe actual, marcando o novo leito do regato polo trazo preexistente, e acondicionaranse os noiros novos e a zona de servidume con vexetación autóctona de cara a facilitar a naturalización da contorna

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a encomenda á Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P, Tragsa, as obras de reposición do leito do regato de Souto ou rego Traveso, no concello de Sanxenxo.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/ap199

A intervención forma parte dos traballos de Augas de Galicia para a protección de ribeiras fluviais e suporá un investimento autonómico de máis de 57.000 euros. Os traballos terán un prazo de execución de 3 meses.

A zona da actuación sitúase nas inmediacións da praia de Major, bordeando a lagoa artificial existente, no lugar de Soutullo, na parroquia de Noalla.

Na actualidade, o leito do rego está entubado con tubaxe de formigón, cuberta de terra vexetal e por riba existe soterrada en gabia unha tubaxe de polietileno de condución de augas cara a unha fonte e unha senda peonil.

A intervención obxecto deste contrato céntrase nun treito de arredor de 90 metros de lonxitude, desde arqueta de reparto de augas entre a canalización soterrada do regato e a lagoa artificial.

Os traballos inclúen a escavación para retirar a tubaxe existente, marcando o novo leito do regato polo trazo preexistente.

Acondicionaranse, ademais, os noiros novos e a zona de servidume con vexetación autóctona de cara a facilitar a naturalización da contorna.