Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a ampliación da rede de saneamento na parroquia de Carral, no Concello de Begonte

Os traballos, que suporán un investimento de máis de 17.000 euros, teñen un prazo de execución de 6 meses

As actuacións realizaranse no camiño de Saavedra, que atravesa o lugar do Marco, de carácter maiormente residencial e no que abundan as construcións auxiliares destinadas a usos agrícolas e vinculadas ás vivendas

A Xunta mantén a cooperación cos concellos para a mellor prestación dos servizos municipais de saneamento e depuración á poboación

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo para a ampliación da rede de saneamento na parroquia de Carral, no concello de Begonte.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 17.000 euros, foi adxudicado á empresa Aguilar del Moral Arquitectura e Ingenieria, S.L.P. O prazo de execución é de 6 meses.
As obras que se pretenden acometer na parroquia de Carral sitúanse no camiño de Saavedra, que atravesa o lugar do Marco, de carácter maiormente residencial e no que abundan as construcións auxiliares destinadas a usos agrícolas e vinculadas ás vivendas.
Ao lugar do Marco accédese desde a N-VI a través de dúas vías municipais nas que existe rede de abastecemento municipal. Unha das vías dispón de rede de saneamento, pero sen conexión á rede existente, pero a outra carece deste servicio.
Mediante este contrato trátase de redactar un proxecto construtivo no que se analicen as posibles alternativas para o saneamento deste lugar da parroquia de Carral, no que se contemplen as actuacións necesarias para recoller as augas residuais das zonas que quedaron sen saneamento.

Tanto a rede de abastecemento como a rede de saneamento e a estación depuradora de augas residuais son de xestión municipal. Os traballos contratados consisten no desenvolvemento, a nivel construtivo, de novos colectores que dean servizo ás vivendas que dan á vía municipal. A estes novos colectores deberá sumarse un tramo de conexión cun colector existente. As lonxitudes aproximadas das redes a proxectar son de 814 metros.

O colector deberá entroncar, mediante unha perforación horizontal dirixida baixo o trazado da estrada, coa rede de saneamento existente, que discorre pola marxe esquerda da estrada nacional N-VI. Esa rede verte nunha estación depuradora de augas residuais xunto ao rego da Ponte e río Ladra, para o que tamén haberá que comprobar a capacidade de admisión do novo caudal e carga.

Descrición dos traballos

Os traballos que deberá realizar o contratista consisten en desenvolver ata un nivel de proxecto construtivo a ampliación da rede de saneamento no Camiño de Saavedra, no lugar do Marco.

Para isto será necesaria unha análise primeira da problemática a resolver, a obtención dos datos previos e proposta de mellor solución.

O seguinte paso, centrarase no estudo de alternativas valorando desde un punto de vista técnico, económico, ambiental e social as distintas opcións, así como o desenvolvemento da proposta seleccionada, de forma xustificada como mellor solución.

O adxudicatario procederá ao desenvolvemento do anteproxecto que, unha vez aprobado tecnicamente, concluirá os traballos coa redacción do proxecto construtivo das obras necesarias para a ampliación da citada rede de saneamento.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén a súa vontade de cooperar cos concellos para a mellor prestación dos servizos municipais de abastecemento e de saneamento de auga á poboación.