Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo do novo ramal de saneamento en Santo Estevo de Budiño, no Concello de Salceda de Caselas

Os traballos, adxudicados por máis de 18.000 euros, teñen un prazo de 6 meses

O contrato definirá as actuacións necesarias para recoller as augas residuais da parte do Cerquido e parte do polígono industrial de Salceda que non puideron ser conectadas nas obras executadas no ano 2015 por problemas de cota

A Xunta deseñará a nova rede de saneamento para as vivendas e industrias das citadas zonas, unha vez constatada a posta a disposición dos terreos necesarios para levar a cabo os traballos

Augas de Galicia executou en 2015 a mellora do saneamento de Santo Estevo de Budiño, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros

O Goberno galego mantén a cooperación cos concellos para a mellor prestación dos servizos municipais de saneamento e depuración á poboación

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo do novo ramal de saneamento en Santo Estevo de Budiño, no concello de Salceda de Caselas.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 18.000 euros, foi adxudicado á empresa Urbing, Proyectos de Urbanismo e Ingeniería Civil S.L. O prazo de execución é de 6 meses.

O obxectivo deste traballo é analizar as alternativas para completar o saneamento de Santo Estevo de Budiño e definir as actuacións necesarias para recoller as augas residuais da parte do Cerquido e en parte do polígono industrial de Salceda, que non puideron ser conectadas durante a execución das obras realizadas por Augas de Galicia no ano 2015 por problemas de cota.

A este respecto, cómpre lembrar que a Xunta executou a mellora do saneamento en Santo Estevo de Budiño, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros. A intervención permitiu conectar as vivendas e naves industriais situadas na parroquia de Santo Estevo de Budiño, e tamén unha pequena parte delas situadas no concello do Porriño, ao colector interceptor xeral do río Louro, que á súa vez transporta as augas residuais cara á depuradora de Guillarei para o seu tratamento.

Con este novo contrato, a Xunta impulsa o deseño da nova rede de saneamento para as vivendas e industrias das citadas zonas que non puideron ser conectadas, xa que se atopaban nunha cota inferior á do colector principal. Isto é posible, unha vez constatada a posta a disposición dos terreos necesarios para levar a cabo os traballos por parte dos veciños.

Descrición dos traballos a desenvolver

Os traballos deste contrato consisten en desenvolver ata un nivel de proxecto construtivo o novo ramal de saneamento en Santo Estevo de Budiño.

Para isto acometerase unha análise primeira da problemática e traballarase na obtención dos datos previos de cara á elaboración da proposta da mellor solución. Para levar a cabo estas tarefas debe analizarse a posibilidade de substituír o bombeo e a impulsión por un colector por gravidade e a mellor solución para recoller as augas residuais das zonas sen saneamento.

O seguinte paso, centrarase no estudo de alternativas valorando desde un punto de vista técnico, económico, ambiental e social as distintas opcións, para o posterior desenvolvemento da solución proposta.

O adxudicatario do presente contrato procederá ao desenvolvemento do anteproxecto da solución seleccionada que, unha vez aprobado tecnicamente, concluirá co traballo de redacción do proxecto construtivo do novo ramal en Santo Estevo de Budiño para a conexión das vivendas e industrias pendentes de incorporar á rede de saneamento.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén a súa vontade de cooperar cos concellos para a mellor prestación dos servizos municipais de abastecemento e de saneamento de auga á poboación.