Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a execución do bombeo de augas residuais nas Quintas e A Gradeira, no Concello de Toén

O contrato, cun investimento de preto de 38.000 euros, conta cun prazo de execución de 3 meses

Augas de Galicia atende a solicitude de colaboración da entidade local para dotar de saneamento vivendas da contorna, quedando habilitado para a futura conexión de máis inmobles

A Xunta segue colaborando coas entidades locais que, como en Toén, traballan nas súas competencias municipais para dotar os pequenos núcleos das infraestruturas necesarias, aumentando a calidade de vida dos seus habitantes

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a execución do bombeo de augas residuais nos núcleos de As Quintas e A Gradeira, no concello de Toén.

Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 38.000 euros, foi adxudicado á empresa Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia S.A.U. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de 3 meses.

O concello de Toén dispón dunha rede de saneamento extensa que se xustifica pola dispersión xeográfica da súa poboación e polas características topográficas do terreo. Debido ás diferentes variacións de cotas, requírense instalacións que sexan capaces de elevar as augas residuais a unha cota superior para que poidan ser conducidas por gravidade ata as instalacións encargadas da súa depuración.

A presente actuación de Augas de Galicia responde á solicitude do Concello de dar servizo a tres vivendas que actualmente non contan con saneamento. Ademais, o sistema de bombeo proxectado quedará dimensionado para a futura conexión de máis inmobles. De igual modo, a capacidade da fosa será suficiente para futuras conexións.

Para acadar eses obxectivos será necesario instalar un tramo de tubaxe duns 195 metros, desde o pozo de bombeo ata a fosa da Gradeira. Deste xeito, as augas residuais canalizaranse ata a citada fosa, na que recentemente se acometeron obras que permitiron mellorar o sistema de filtración que se atopaba totalmente colmatado.

Con esta intervención a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén a súa vontade de colaboración coas entidades locais que, como no caso de Toén, seguen traballando nas súas competencias municipais para dotar os núcleos do concello das infraestruturas de saneamento necesarias, logrando o aumento da calidade de vida dos seus habitantes e a mellora das condicións ambientais da súa contorna.