Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Guitiriz asinan un convenio para a mellora e modernización da estación de tratamento de auga potable, cun investimento conxunto de case 415.000 €

Trátase de mellorar o proceso completo de tratamento da auga e os seus equipos, ademais do acondicionamento da planta

Augas de Galicia investirá 130.000 € na modernización da potabilizadora municipal

O Concello asume o financiamento restante e a execución das obras, así como a súa explotación, conservación e mantemento

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, da súa competencia

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Gutiriz, María Sol Morandeira, asinaron hoxe, de xeito telemático, un convenio de colaboración para a modernización do sistema de bombeo da estación de tratamento de auga potable municipal, que suporá un investimento conxunto de case 415.000 euros.

O acordo selado hoxe enmárcase no traballo da Xunta en apoio aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais, como é o garantir o servizo de abastecemento domiciliario de auga potable á poboación.

No caso concreto do acordo co Concello do Guitiriz, a cooperación do departamento que dirixe Ethel Vázquez realízase a través de Augas de Galicia e céntranse, principalmente, en mellorar o proceso completo de tratamento da auga, os seus equipos e tamén no acondicionamento da planta. As actuacións previstas permitirán obter melloras no consumo de enerxía, no medio ambiente e na calidade da auga que se distribúe ao conxunto da poboación deste municipio da provincia de Lugo.

En base ao convenio asinado hoxe, a Xunta achegará un investimento que rolda os 130.000 euros para a modernización da planta potabilizadora municipal, apoiando tamén tecnicamente ao Concello na execución das actuacións.

Pola súa banda, o Concello asume o financiamento restante e a execución das obras necesarias para a mellora da eficiencia enerxética e de funcionamento da estación de auga potable, así como a súa explotación, conservación e mantemento.

O estado actual de potabilizadora

O Concello de Guitiriz dispón dunha estación de tratamento de auga potable que ten 30 anos de antigüidade e é a planta que abastece desde 1989 á poboación de Guitiriz, ao seu polígono e á súa área de servizo.

Actualmente a planta potabilizadora consta dun edifico principal de control, un anexo que aloxa o sistema de filtración e dous depósitos de acumulación de auga tratada apta para o consumo.

O convenio asinado hoxe atende á necesidade de realizar unha reforma total da planta, debido á obsolescencia da instalación, o que implica un baixo rendemento e un elevado consumo dos seus equipos como son os motores de bombeo; a obsolescencia do sistema de control do proceso e os filtros; e a necesidade de tratar novos contaminantes que vas aparecendo na auga.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.