Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta remítelle ao Concello de Avión o convenio de colaboración para impulsar a mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, cun investimento de 185.000 euros

As actuacións propostas pola Xunta, cun prazo de execución de 4 meses, atenden á necesidade de resolver as deficiencias da rede de saneamento nestes dous núcleos

Augas de Galicia achegará o 80% do investimento, 148.000 euros, asumindo a contratación, execución e xestión das obras ata a súa entrega ao Concello

O Concello financiará o 20% restante, 37.000 euros, comprometéndose á obtención de permisos e á realización dos trámites necesarios, á posta á disposición dos terreos para a súa execución e á recepción e mantemento das actuacións

Con esta intervención darase servizo a unha poboación de 94 habitantes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle hoxe ao Concello de Avión a proposta de convenio de colaboración para impulsar a mellora do sistema de saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo.

No ano 2013 finalizaron as obras de execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha nova depuradora para 1.250 habitantes equivalentes. Porén, os núcleos do municipio ourensán de Sifón e San Vicenzo, contan na actualidade con redes de saneamento que conflúe en senllas fosas sépticas cuxo funcionamento é moi deficiente.

Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse solucionar estes problemas no saneamento. Para iso ten proxectada unha rede de conexión ata a depuradora de Avión, deseñada no seu día para atender tamén á poboación deste dous núcleos do municipio ourensán.

Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 148.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Avión contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 37.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

Actuacións a executar

As obras proxectadas prevén a execución dunha rede de saneamento en tubaxe de PVC, estruturada en dous tramos.

Esta intervención permitirá dar servizo a unha poboación de 94 habitantes para o ano horizonte 2045.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.