Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta remítelle ao Concello de Irixoa o convenio de colaboración para impulsar a mellora do saneamento no municipio coruñés, que suporá un investimento de 310.000 euros

As actuacións propostas pola Xunta, cun prazo de execución de 6 meses, atenden á solicitude da entidade local de completar o sistema de depuración de augas residuais da parroquia de Irixoa, que agora só chega ata a parte central da zona urbana

Augas de Galicia achegará o 80% do investimento, 248.000 euros, asumindo a contratación, execución e xestión das obras ata a súa entrega ao Concello

O Concello financiará o 20% restante, 62.000 euros, comprometéndose á obtención de permisos e á realización dos trámites necesarios, á posta á disposición dos terreos para a súa execución, e á recepción, mantemento e conservación das actuacións

Executaranse 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, remitiulle hoxe ao Concello de Irixoa a proposta de convenio de colaboración para impulsar a mellora da rede de saneamento neste municipio coruñés.

Trátase de completar o sistema de saneamento da parroquia de Irixoa, conformada por varios núcleos pequenos de poboación. A parroquia dispón na actualidade de estación depuradora de Augas residuais e un tramo do colector xeral que chega ata a parte central da zona urbana do núcleo, quedando pendente por executar o resto de colectores que conformarían e completarían a rede de saneamento.

Segundo recolle a proposta de convenio trasladada pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 248.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Irixoa contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 62.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de seis meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

As obras proxectadas

Para completar a rede de saneamento o convenio establece o desenvolvemento de 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905.

Segundo o proxecto de Augas de Galicia, esta obra permitirá que as augas residuais recollidas se vertan en dous puntos da rede de saneamento actual que as conducirá ata a depuradora, xa en servizo, e dimensionada para atender a unha poboación de 300 habitantes equivalentes.

Esta nova obra dará servizo a unha poboación de 177 habitantes para o ano horizonte 2041, que sumada á xa conectada á depuradora, supoñen 242 habitantes para o citado ano horizonte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.