Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta solicítalle colaboración ao delegado do Goberno para axilizar a tramitación de proxectos autonómicos para a mellora do saneamento en Foz, Burela, Pontedeume ou Pontevedra

A Xunta prevé executar os colectores xerais e a depuradora de Foz, para o que leva solicitado e achegado documentación a Costas do Estado desde 2018

Augas de Galicia tamén está á espera da tramitación estatal para avanzar na mellora da rede de saneamento e na nova depuradora de Burela

O inicio das obras de saneamento en Cabanas e Pontedeume está pendente da concesión para a ocupación de terreos de dominio público

A directora de Augas de Galicia lamenta que a construción do emisario dos Praceres leve meses adxudicada e non poida comezar pola falta da concesión de ocupación de terreos, solicitada en 2018

Subliña que a Xunta xa lle ten solicitado ao Goberno central a xestión dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre para facilitar a tramitación dos expedientes e evitar estas demoras

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021.- A Xunta solicítalle colaboración ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para axilizar a tramitación de proxectos autonómicos para a mellora do saneamento e depuración en Foz, Burela, Cabanas-Pontedeume ou Pontevedra.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, vén de remitirlle unha carta ao delegado do Goberno en Galicia para informalo sobre as demoras nos trámites da Dirección Xeral da Costa e o Mar, que están a adiar o impulso de actuacións estratéxicas da Xunta.

Lembrou que o saneamento e a depuración son competencias municipais, pero aínda así, a Xunta colabora cos concellos para axudalos a prestar estes servizos de modo eficiente.

Expuxo que o Goberno galego prevé executar os colectores xerais e a nova depuradora de Foz, para o que leva solicitado e achegado documentación á Dirección Xeral da Costa e o Mar, desde setembro de 2018.

Augas de Galicia solicitou a concesión de ocupación do dominio público marítimo terrestre en 2018, o informe de compatibilidade coas estratexias mariñas en abril de 2019, e o informe no marco da tramitación ambiental ordinaria en abril de 2019. Na actualidade, a tramitación ambiental está na última fase.

Con respecto ás actuacións previstas en Burela, a directora sinalou que Augas de Galicia está traballando en dous proxectos, a mellora da rede de saneamento e unha nova estación depuradora de augas residuais.

Concretou que a tramitación ambiental determinada para este caso é a simplificada e xa se solicitou informe a Costas, que indica que sería máis convinte buscar outra localización para a nova EDAR ou para a condución de vertido.

Subliñou que a Xunta xa lle ten solicitado ao Goberno central a xestión dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre, co obxectivo de facilitar a tramitación dos expedientes e evitar demoras.

Lembrou que as actuacións de mellora no saneamento en Cabanas e Pontedeume se atopan nunha situación similar á de Burela, pois o inicio está pendente da finalización dos trámites asociados á concesión para a ocupación de terreos de dominio público.

Fixo fincapé na preocupación da Xunta en canto ao proxecto relativo á aglomeración de Pontevedra-Poio-Marín, xa que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten sentenciado contra o Goberno de España por incumprimentos da Directiva 91/271.

Lamentou que as obras para executar este emisario estean adxudicadas desde hai meses, pero o seu inicio dependa da consecución desta concesión de ocupación de terreos por parte da Dirección Xeral da Costa e o Mar.

Recordou que esta concesión xa foi solicitada por Augas de Galicia en maio de 2018, respondendo dende esa data a numerosos requirimentos de documentación adicional. O último escrito desde a Xunta foi emitido o 12 de xaneiro de 2021, co que se entende que se dá resposta a todos os requisitos formulados.