Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez apela á colaboración e implicación dos concellos para traballar conxuntamente de cara a previr o risco de inundacións e minimizar as súas consecuencias

Avanza que a Xunta prevé aprobar este ano o Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, someténdoo a información pública nos vindeiros meses

Lembra que xa se procedeu á revisión das áreas consideradas de risco potencial significativo de inundacións, ampliándoas a 170, dúas máis das identificadas no plan vixente, ao incluírse os municipios de Sada e de Cambados

Indica que a Xunta tamén desenvolve plans específicos en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións, recollendo actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións para minimizar o risco de enchentes

Destaca a adxudicación hoxe do servizo de aforos nos ríos das áreas con risco de inundacións, por importe de 1,1 M€, con 50 novas estacións de seguimento

Subliña que as administracións deben facer todo o posible para evitar as consecuencias das enchentes sobre o territorio, a economía e a seguridade cidadá

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, apela á colaboración e implicación dos concellos para traballar conxuntamente de cara a previr o risco de inundacións e minimizar as súas consecuencias.

Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, participou hoxe na inauguración da xornada sobre a “Revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa 2021-2027”.

Este encontro, no que participaron arredor de 100 persoas, con técnicos e representantes dos concellos, ten como obxectivo o fomento da formación e o intercambio de coñecementos técnicos para previr e minorar os efectos de eventos extremos, como as inundacións, derivados do contexto de cambio climático.

Na xuntanza, os técnicos de Augas de Galicia afondaron en cuestións como a Directiva de inundacións, a actualización dos mapas de perigosidade elaborados pola Xunta ou o visor GIS para que o persoal dos concellos lle poidan sacar o máximo proveito.

A conselleira avanzou que a Xunta vén traballando para ter aprobado este ano o Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, dependendo o trámite final de aprobación do Goberno de España, unha vez autorizado previamente polo Consello da Xunta.

Sinalou que entre marzo e abril a Xunta disporá dun documento inicial do novo Plan, que se someterá a información pública durante 3 meses.

Lembrou que o Plan vixente, que engloba os anos 2015-2020, identificou na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa 168 ARPSI fluviais e 28 costeiras, estas últimas sobre as que ten responsabilidade Costas do Estado.

Na revisión que xa se levou a cabo de cara á elaboración do novo Plan de xestión de risco de inundacións, ampliáronse estas áreas ata 170, engadindo dúas máis nos concellos de Sada e de Cambados.

Concretou que Augas de Galicia está a desenvolver de forma paralela plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e Groba, en Baiona; e Lagares, en Vigo.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

Recordou que a Xunta tamén adxudicou hoxe o servizo de desenvolvemento dunha rede de aforos nos ríos das áreas con risco potencial significativo de inundacións, por importe de 1,1 M€, triplicando o sistema con 50 novas estacións de seguimento en tempo real.

Fixo fincapé no traballo inxente do Goberno galego para previr os riscos e as consecuencias que poden supoñer as inundacións, pero instou á implicación de todas as administracións con competencias.

Puxo como exemplo que a execución de actuacións previstas para previr enchentes no Lagares, en Vigo, cun investimento da Xunta de 6,8 millóns de euros; en Gondomar, con 2,6 M€, ou en Carballo, con 3 M€, precisa a colaboración dos Concellos coa achega dos terreos.

Para o desenvolvemento destas intervencións, a Xunta ten proposto convenios de colaboración, ao tratarse de competencias municipais, tal e como se vén facendo en todas as concas hidrográficas en España, e de acordo ás propias instrucións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Lamentou que no caso do Concello de Vigo, a Xunta segue agardando a conformidade municipal ao acordo proposto para previr o risco de inundación.

Neste sentido, lembrou que é un deber imprescindible facer todo o posible desde as distintas administracións implicadas para evitar os sucesos provocados polas inundacións, que son un risco para o territorio, para a economía, e mesmo para a seguridade das persoas.