Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta preséntalle ao Concello de Vilagarcía de Arousa os proxectos para investir máis de 33 M€ no saneamento e na nova depuradora e solicita axilidade na tramitación urbanística

Vázquez Mourelle traslada que o obxectivo da Xunta é licitar este mesmo ano tanto a mellora da rede de saneamento como a ampliación da depuradora, para o que o Concello debe culminar a modificación puntual do PXOM

A Xunta investirá 23,1 millóns na actuación da EDAR, que inicia hoxe a súa tramitación ambiental, por procedemento simplificado, co obxectivo de tela resolta en seis meses

A actuación desenvolverase nunha parcela anexa á depuradora actual e multiplicará por case 2,5 a capacidade de tratamento da EDAR

A conselleira adianta que a mediados de ano tamén se poderán licitar as actuacións de mellora da rede de saneamento, cun investimento de 10,5 M€

Renovarase a rede na avenida de Rodrigo de Mendoza, instalaranse dous tanques de tormentas e un novo treito de colector na avenida de Cambados

A Xunta mobilizou 70 M€ na depuración da ría de Arousa e investirá 44 M€ no saneamento de Vilagarcía, Vilanova e Cambados, colaborando tamén na mellora do saneamento da Illa de Arousa

Santiago de Compostela / Vilagarcía de Arousa, 17 de febreiro de 2021.- A Xunta presentoulle hoxe ao Concello de Vilagarcía de Arousa os proxectos cos que vai investir máis de 33 millóns de euros no saneamento e na nova depuradora do municipio e solicitou a máxima axilidade na tramitación urbanística para materializar as obras.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo unha xuntanza telemática co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e membros da corporación municipal.

Explicou que a pesar de que o saneamento e o abastecemento son competencias locais, a Xunta leva moito tempo traballando na procura das solucións máis eficaces para os problemas que presenta o sistema de saneamento e depuración de Vilagarcía de Arousa.

Indicou que estas deficiencias teñen que ver coa capacidade e co funcionamento da depuradora municipal, así como coas carencias da rede de saneamento municipal.

Trasladoulle ao rexedor que a Xunta xa concluíu a redacción do anteproxecto de ampliación da planta, unha obra que suporá investimento autonómico de 23,1 M€, superando a media de gasto na construción e ampliación de depuradoras en Galicia.

Avanzou que o Goberno galego inicia hoxe a tramitación ambiental do proxecto de ampliación da planta¸ que se fará polo procedemento simplificado, o que permitirá que poida estar resolto en seis meses, e licitar a actuación a finais deste mesmo ano, se o Concello culmina a modificación puntual do PXOM.

A ampliación, que se prevé desenvolver nunha parcela de titularidade pública, anexa á depuradora actual, ten por finalidade aumentar a capacidade de tratamento da EDAR para garantir o cumprimento dos límites de vertido dos caudais que recibe. En concreto, a conselleira indicou que se multiplicará por case 2,5 a capacidade de tratamento da planta.

Construirase un novo pretratamento, un reactor biolóxico de leito móbil e unha ampliación da decantación secundaria, ampliarase a liña de fangos e acometerase unha nova liña de biogás. Esta infraestrutura tamén ten previsto o proceso de desodorización.

Solicitoulle ao Concello a máxima dilixencia na tramitación urbanística, impulsando nese mesmo período, unha modificación do Plan xeral para adaptar a parcela ao novo uso previsto.

Detallou que esta axilidade é precisa para poder desenvolver as obras dentro dos prazos establecidos para a execución dos fondos europeos cos que se prevé financialas maioritariamente.

Ademais, Ethel Vázquez informou ao Concello da situación relativa á actuación prevista para a mellora do sistema de saneamento municipal de Vilagarcía co obxectivo de solucionar os problemas causados polo exceso de sólidos na rede e a ineficiencia dos colectores.

Segundo explicou, a Xunta prevé a renovación da rede na avenida de Rodrigo de Mendoza, a instalación de dous novos tanques de tormentas e a execución dun novo treito de colector na avenida de Cambados, sumando un investimento autonómico de 10,5 millóns de euros.

O proxecto construtivo está xa en proceso de supervisión e será aprobado nas vindeiras semanas para, inmediatamente, iniciar a tramitación co Concello. Así, Vázquez concretou que a mediados de ano se poderán licitar estas actuacións.

A Xunta cofinanciará as obras de mellora do saneamento e de ampliación da depuradora de Vilagarcía de Arousa con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

A conselleira puxo en valor a importancia destas intervencións para contribuír a avanzar cara ao saneamento integral da ría de Arousa, preservando o medio natural, o turismo, a pesca e o marisqueo.

Recordou que a ría de Arousa foi, xunto coa ría do Burgo, na Coruña, a primeira para a que a Xunta elaborou un plan de saneamento hai xa máis de 10 anos, mobilizando xa un investimento de preto de 70 M€, incluíndo a nova depuradora de Ribeira, que financiou o Estado en colaboración coa Administración autonómica.

Finalmente, a conselleira destacou que o Goberno galego está actualmente traballando para investir case 44 M€ no saneamento dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados, ademais de colaborar co Goberno de España no financiamento da mellora do saneamento da Illa de Arousa.