Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recibe 20 ofertas para executar as obras de reforzo do abastecemento ao concello de Arteixo e ao polígono de Morás que suporá un investimento de preto de 3,9 M€

Destas ofertas, 3 preséntanse a través de UTE, o que supón un total de 24 empresas

Trátase de mellorar o sistema municipal desde a rede existente, no contorno do polígono do Vío, executando un bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto

A actuación enmárcase na colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello, de cara a dar resposta ás novas necesidades de abastecemento do municipio derivadas do seu crecemento urbano e industrial

As intervencións serán financiadas polo Concello e executadas por Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021.- A Xunta recibiu un total de 20 ofertas para executar as obras de reforzo do sistema de abastecemento ao municipio de Arteixo e ao polígono de Morás, licitadas por un investimento de preto de 3,9 millóns de euros.

Destas ofertas, tres preséntanse a través de UTE, o que supón un total de 24 empresas.
Trátase de executar a mellora do abastecemento municipal desde a rede existente, no contorno do polígono do Vío, que se abastece do encoro de Cecebre, para o que se prevé a execución dun bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto.

As obras proxectadas comprenden o treito entre Vío Alto e Morás, que darán continuidade ás obras proxectadas nun 1º treito polo Concello, en colaboración coa empresa Emalcsa.

Para facer efectivo este reforzo do abastecemento as obras prevén a construción dunha condución de máis de 5.000 metros desde o depósito de Vío Alto ata o polígono de Morás.

Contará con 2 puntos de subministración directa ao sistema de abastecemento municipal, en Vilarrodís e á altura de Sabón, para garantir auga aos núcleos de poboación, aos veciños. E tamén en Sabón terá unha conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás, para garantir auga para as actividades industriais e as empresas que alí se instalen.

O contrato enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arteixo, de cara a dar resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten este municipio coruñés derivadas do seu crecemento urbano e industrial.

Segundo recolle o convenio asinado, o Concello financiará as actuacións, correspondendo ao organismo hidráulico da Xunta a supervisión do proxecto e a execución das obras. Unha vez realizadas, o Concello asumirá a súa posta en servizo, mantemento e conservación.

Desenvolvemento empresarial da área da Coruña e Arteixo

O Goberno galego mantén o seu apoio ao desenvolvemento empresarial da área da Coruña e de Arteixo, co impulso do abastecemento ao parque de Morás e as obras da ampliación do principal acceso ao polígono de Sabón.

Nestes momentos, está en execución a ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación, no polígono de Sabón, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Arteixo, e que supón un investimento de máis de 6,3 millóns de euros. O seu obxectivo é reforzar aínda máis o papel do polígono de Sabón como motor económico do norte de Galicia, no que traballan actualmente 8.000 persoas.

Ademais, a Xunta puxo en servizo hai máis de seis anos a glorieta sobreelevada de Sabón, cun investimento que superou os 11 millóns de euros, e a recente ampliación doutra das arterias do parque, a avenida de Vilarrodís, cun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros.

O polígono tamén se viu beneficiado da construción do acceso ao parque de Morás, dotando a Sabón dunha mellor conexión coas autovías A-6 e AG-55, tras o investimento de 4,4 millóns de euros.