Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta inicia traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de cinco ríos nos concellos de Betanzos e de Paderne

Augas de Galicia levará a cabo as actuacións en dous tramos distintos do río Caraña ao seu paso por estes dous municipios e tamén nos ríos: Infesta, Pasatempo, Angustias e Mendo, no seu percorrido polo termo de Betanzos

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de 5 ríos ao seu paso polos concellos de Betanzos e de Paderne.

Concretamente Augas de Galicia leva a cabo traballos en dous tramos distintos do río Caraña ao seu paso polos dous concellos e tamén nos ríos Infesta, Pasatempo, Angustias e Mendo, neste caso no seu percorrido polo municipio de Betanzos.

As tarefas estanse a desenvolver en distintos tramos interurbanos destes ríos, que coinciden co seu percorrido por distintas parroquias destes municipios.

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta, así como a roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.