Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo de balizamento do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais do concello de Muros

Este contrato, cun investimento de máis de 5.000 euros, conta cun prazo de execución de 6 meses

Desenvolverá a nivel construtivo un deseño disuasorio para os arrastreiros de tal xeito que se reduza o risco de danos ao emisario

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo de balizamento do emisario submarino do concello de Muros.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 5.000 euros, foi adxudicado á empresa Ingeniería Creativa Pita, S.L. (Increa). O prazo de execución das tarefas é de 6 meses.

A actuación obxecto deste contrato consiste en definir, a nivel construtivo, un deseño disuasorio para os arrastreiros, de tal xeito que se reduza o risco de que as embarcacións enganchen o emisario e o danen, como xa ocorreu no pasado.

O emisario da depuradora de Muros, xestionada por Augas de Galicia, foi reparado recentemente tras sufrir unha avaría ao arrincar un barco os últimos 110 metros do emisario. Para evitar novas incidencias e que o arrastre de redes, áncoras e outras accións externas danen o novo tramo difusor, proxéctase o balizamento do emisario co obxecto de cumprir as funcións de defensa e prevención.

Os traballos constan de dúas fases. Na primeira, realizarase un deseño previo dos elementos que constitúen o balizamento do emisario, que incluirá o proceso construtivo e os planos descritivos: situación, planta e elementos que o constitúen. Esta primeira fase é precisa para solicitar os permisos correspondentes para a posterior execución desta actuación.

Na segunda fase, os traballos centraranse no deseño do proxecto construtivo do balizamento, no que se dimensionarán os distintos elementos, como a cadea e a boia, de tal xeito que soporten as accións do mar, con seguridade suficiente. Farase un informe xustificativo das dimensións dos diferentes elementos.

Ao remate do contrato, Augas de Galicia contará cos planos descritivos, especificacións técnicas dos materiais e medidas.