Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a redacción dun estudo sobre os terreos da zona de fluxo preferente do río Lagares no Concello de Vigo

O contrato supón un investimento de 18.000€ e un prazo de execución de 2 meses

Analizaranse os terreos na contorna da Rega do Folón, no cruce coa estrada de Camposancos, e na zona de intersección coa avenida de Severino Cobas

A actuación enmárcase nos traballos do Plan específico de xestión do risco de inundación na área fluvial do Lagares

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción dun estudo sobre os terreos da zona de fluxo preferente do río Lagares, no concello de Vigo.

Este contrato foi adxudicado á empresa Avanza, Geotecnia e Ingeniería, S.L por un importe de preto de 18.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 2 meses.

A actuación forma parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) da área de risco potencial de inundación na área fluvial do río Lagares, neste municipio. Este plan, redactado por Augas de Galicia, define as medidas de prevención e preparación ante inundacións, así como as de protección, de recuperación e de revisión tras producirse un episodio destas características.

As medidas de protección durante as inundacións incluídas no citado Plan de xestión do risco de inundacións recollen actuacións estruturais de ampliación da capacidade de drenaxe do leito do río.

No contrato adxudicado, os traballos a executar consisten na redacción dun estudo sobre os terreos da zona de fluxo preferente na contorna da Rega do Folón, no cruce coa estrada de Camposancos, e na zona do intersección coa avenida de Severino Cobas.

A contratación deste estudo permitirá o establecemento dun marco xeolóxico global e de detalle, a realización dun mapa cos perfís xeotécnicos existentes e a caracterización dos materiais desde o punto de vista xeotécnico. No mesmo, estableceranse recomendacións sobre os noiros de desmonte e terraplén, así como as condicións de cimentación de estruturas. Trátase de seguir avanzando nos traballos definidos no anteproxecto redactado xa por Augas de Galicia para actuar nesta zona.

Plan de xestión do risco de inundacións

O Plan de xestión fronte ao risco de inundacións no río Lagares, en Vigo, é un dos plans específicos que a Xunta está a desenvolver para as 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de inundacións.

Este Plan, cun orzamento total de 6,8 millóns de euros, recolle unha serie de actuacións paliativas e preventivas, de aplicación pola Xunta e o Concello, para minimizar o risco de enchentes.

O pasado día 3 de novembro a Xunta remitiulle ao Concello de Vigo o protocolo para cooperar no desenvolvemento, por parte a Xunta, das obras para previr o risco de inundacións, coa xestión dos terreos por parte da Administración local.

En total, o documento abrangue obras para mellorar o espazo fluvial do Lagares, baseadas en infraestruturas verdes, cuxos anteproxectos están redactados por parte de Augas de Galicia, de xeito coordinado cos técnicos municipais e de Protección Civil do Concello de Vigo.

As actuacións planificadas son a mellora do espazo fluvial e da drenaxe do río no cruce coa avenida Severino Cobas, na Rega do Folón no cruce coa carretera Camposancos e na Avenida de Madrid; a optimización do espazo fluvial ao seu paso polo polígono do Caramuxo; e as áreas de inundación controladas, en Sárdoma e en Lavadores. En concreto, a Xunta propón executar nunha primeira fase 5 destas obras, pospoñendo a actuación de Lavadores á avaliación do funcionamento da área de inundación de Sárdoma.

As medidas buscan incrementar a capacidade de predicir o risco de inundación e aproveitar a elaboración do novo Plan de urbanismo de Vigo para delimitar con claridade as zonas inundables e reforzar a prevención.

O plan impulsado polo organismo hidráulico da Xunta aposta pola naturalización do leito do río e as infraestruturas verdes, fronte a outras solucións baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.