Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta repercutirá á empresa que explota o encoro do Eume os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume

A Consellería de Sanidade levantou esta mañá as restricións sobre o consumo de auga do abastecemento

Esta mañá tivo lugar a primeira xuntanza da Comisión de Seguimento da situación do Eume na que se avaliou a turbidez do río e o impacto no abastecemento de auga

Informouse da incoación dun expediente sancionador á empresa polo incumprimento dos requirimentos de Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación da presa

  • A directora de Augas de Galicia na beira do Eume
  • A directora de Augas de Galicia na beira do Eume
  • Reunión da Comisión de Seguimento

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020.- A Xunta de Galicia repercutirá á empresa que explota o encoro do Eume os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume. Así se trasladou esta mañá na reunión da Comisión de Seguimento da situación, que se celebrou por videoconferencia, e na que se avaliou a turbidez da auga do río Eume e do abastecemento. A Consellería de Sanidade levantou esta mañá as restricións sobre o consumo de auga do abastecemento.

Tras a reunión, a directora de Augas de Galicia desprazouse ata Pontedeume para supervisar, sobre o terreo, os traballos que se están a realizar na zona de captación de abastecemento de auga do río Eume e na estación de tratamento de auga potable municipal, onde no día de hoxe comezou a actuación da Xunta.

Nesta primeira reunión da Comisión de Seguimento tamén se informou da incoación dun expediente sancionador á empresa que explota a presa por incumprir os requirimentos efectuados por Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación do encoro. Ademais, comunicouse que se deron indicacións á empresa para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e para que adopte as medidas oportunas para reducir a turbidez no río.

Na reunión desta mañá participaron, por parte da Xunta, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, ademais da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, xunto con representantes do Intecmar. Tamén participaron os alcaldes de Pontedeume e de Cabanas, representantes da empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal e da empresa responsable da xestión do encoro.

No encontro avaliouse a situación que ten motivado a declaración de emerxencia por parte de Augas de Galicia, coa posta en común de toda a información da que dispón a Xunta, ademais da información municipal, a derivada da xestión do encoro ou a dispoñible no eido do patrimonio natural e dos recursos mariños. Abordáronse así, os parámetros da calidade da auga, o caudal do río e a variación dos niveis do encoro, ademais da afección sobre o abastecemento.

Deuse conta da declaración de emerxencia realizada por Augas de Galicia para poder executar de xeito áxil as medidas para restablecer o servizo de abastecemento con garantías, que suporán un investimento estimado en 1,5 millóns de euros.

Logo de analizar diversas alternativas, concluíuse que actuar sobre a potabilizadora municipal é a medida máis eficaz e rápida para restablecer os parámetros da auga, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión.

Por iso a maior parte do investimento destinarase á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado.

Na reunión deuse conta das actuacións que se levaron a cabo desde un primeiro momento para tratar de reducir a turbidez na estación de tratamento de auga potable municipal: como a disposición das barreiras de contención no río que Augas de Galicia estaba a empregar nos traballos de saneamento que está a levar a cabo en Pontedeume ou a aplicación de tratamentos físico-químicos que se empregaron na potabilizadora para tratar de reducir a turbidez. Nos últimos días, desde o pasado venres, técnicos dunha empresa especialista en emerxencias ambientais están a levar a cabo unha campaña de mostraxes ampliando o alcance do seguimento que se viña facendo.

Representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda constataron, ademais, que ata o momento non se detectaron danos na fauna nin mortaldade piscícola. En todo caso, os axentes medio ambientais seguen a facer un seguimento permanente para verificar que non mudan as condicións ambientais do río e, polo tanto, que non se produzan afeccións nos ecosistemas presentes na canle fluvial.