Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta celebra que o Estado despexe por fin o camiño xurídico que permita licitar a dragaxe da ría do Burgo sen necesidade de paralizar o marisqueo previamente

Esta decisión avala o que viña defendendo desde o principio a Xunta ao non existir base xurídica para suspender a actividade marisqueira antes de empezar as obras

Ambas conselleiras insistiron en que na xuntanza de onte entre a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta e a Avogacía Xeral do Estado quedou claro que non hai ningún impedimento legal nin xurídico para licitar canto antes a dragaxe

O Executivo galego procederá a suspender os plans de explotación afectados polo proxecto de dragaxe cando comecen os traballos de obra co obxectivo de garantir o compromiso que manifestou varias veces a Xunta

O Goberno autonómico lembrou que xa no informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta presentado en agosto á confraría da Coruña se constataba que non existe ningún obstáculo sobre a dispoñibilidade dos terreos para que o Estado poida licitar a obra

A Coruña, 16 de setembro de 2020.- As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron esta tarde unha xuntanza con representantes da confraría de pescadores da Coruña na que lle trasladaron o acordo acadado onte entre Asesoría Xurídica Xeral da Xunta e a Avogacía Xeral do Estado que consiste en licitar a dragaxe da ría do Burgo sen paralizar a actividade marisqueira mentres non dan comezo as obras. Este paso, sinalaron as representantes do Goberno galego, despexa o camiño xurídico que permite licitar a obra e demostra que non existe ningún impedimento legal nin xurídico para facelo.

Esta decisión adoptouse atendendo ao establecido no proxecto de dragaxe aprobado polo Goberno central e acredita o que viña defendendo desde o principio a Xunta ao non existir base xurídica para suspender a actividade marisqueira antes de empezar as obras, unha situación que ademais suporía importantes prexuízos económicos aos profesionais do sector.

De feito, o propio proxecto de dragaxe recolle a existencia de actividade extractiva na zona e a posibilidade de realizala nas zonas nas que non hai obras de acordo cos criterios que estableza a Consellería do Mar. Ademais o proxecto incluso inclúe a posibilidade de que durante a execución da obra os mariscadores realicen accións de retirada e sementeira de moluscos para garantir a produtividade dos bancos sempre cumprindo cos requisitos que se establecen para este caso.

Na liña do acordado onte, a Xunta procederá a suspender os plans de explotación afectados polo proxecto de dragaxe cando comecen os traballos de obra co obxectivo de garantir o compromiso que manifestou varias veces a Xunta de suspender a actividade marisqueira no momento de execución dos traballos -tal como recolle a declaración de impacto ambiental da obra, aprobada polo propio Estado-.

Hai que lembrar que esta cuestión tamén foi defendida por escrito pola Administración galega nun informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta presentado en agosto á confraría da Coruña. Neste documento xa se constataba que non existe ningún obstáculo en canto á dispoñibilidade dos terreos para que o Estado poida licitar as obras da dragaxe.