Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a ampliación da rede de saneamento en Lobios, que permitirá recoller as augas residuais da residencia da terceira idade para a súa posterior depuración

Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros, contan cun prazo de execución de tres meses

As obras inclúen a construción dun pozo de bombeo e a conexión coa rede municipal de saneamento

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de ampliación da rede de saneamento en Lobios.

Esta intervención, cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros, foi adxudicada á empresa Excavaciones Benito Bastos S.A. As actuacións contan cun prazo de execución estimado de tres meses.

A intervención centraranse na construción dun pozo de bombeo, para recoller as augas residuais da residencia da terceira idade Nosa Señora do Xurés, procedentes da planta de soto, e a súa conexión coa rede de saneamento municipal para a súa posterior depuración.

Os traballos contratados inclúen a execución dun pozo de bombeo, con dúas bombas con funcionamento alternativo, autoaxuste, cadro eléctrico para as dúas bombas, válvulas de comporta, válvulas de retorno a bola, carrete de desmonte e tubo guía para o axuste das bombas. As bombas, con potencia de entrada de 1,3 kW, terán unha potencia nominal de 0,9 kW e caudal real calculado de 6,041 m3 /h.

Nas obras inclúen a instalación dunha lousa de formigón armado e tapa de fundición neste pozo, que se sitúa en zona de tránsito.

A actuación completarase coa execución dun colector de 202 metros de saída para a súa conexión coa rede municipal.

Esta obra dá resposta á solicitude do Concello de Lobios, que xestionará e porá á disposición da obra os terreos necesarios para a realización destes traballos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.