Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza en catro ríos do Concello de Arteixo

No marco desta intervención estase a traballar nos ríos Seixedo e Arteixo, e nos regos de Vidueiro e Sisa

As tarefas desenvólvense en distintos tramos ao longo duns 5,2 km e inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle e roza selectiva en tramos con maleza

As intervencións forman parte das actuacións de mantemento que vén realizando Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Seixedo e Arteixo, e nos regos de Vidueiro e Sisa, no municipio de Arteixo.
Os traballos execútanse en distintos tramos dos ríos, ao longo duns 5,2 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares destes municipios.
As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta e atoamentos. Inclúese tamén a roza selectiva e limitada ao ancho da canle, en tramos ocultos pola maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.