Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta remítelle asinado ao Concello de Viveiro e á Deputación de Lugo o convenio para definir as actuacións para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira

As tres administracións cofinanciarán a partes iguais os 69.000 euros necesarios para a redacción do proxecto para naturalizar o leito do río Fontecova ao seu paso polo núcleo de Xunqueira

A Xunta, a través de Augas de Galicia, será a responsable de contratar e redactar ese proxecto

O obxectivo é apoiar ao Concello de Viveiro na adopción das medidas precisas para protexer a poboación de Xunqueira ante episodios de enchentes

Entre as actuacións previstas está a ampliación do leito do río, a adecuación das infraestruturas de paso, o reforzo de cimentacións danadas de construcións e a reconstrución da fonte da Xunqueira

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe o convenio para definir as actuacións para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira e remitiullo ao Concello de Viveiro e á Deputación de Lugo para que tamén procedan á súa firma.

O Consello da Xunta autorizou o mes pasado a sinatura deste convenio de colaboración co Concello de Viveiro e coa Deputación Provincial de Lugo, polo que cofinanciarán, a partes iguais, o investimento de 69.000 euros previsto para este fin.

Trátase de redactar o proxecto construtivo para executar as actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á área de risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, situado en Viveiro.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, contratará e redactará este proxecto. O convenio terá efectos desde a data da súa sinatura e estenderá a súa vixencia ata finais do vindeiro ano 2021.

A Xunta xa elaborou un plan de xestión específico para Xunqueira, que forma parte da área con risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, no que se analizaron diferentes opcións de actuación, todas elas destinadas a naturalizar o cauce.

Agora, mediante este convenio, avánzase na definición das actuacións concretas para minimizar o risco en Xunqueira. Para iso, o proxecto incluirá o necesario aumento e naturalización da conca do río ao seu paso polo núcleo de Xunqueira e a adecuación dalgunhas das infraestruturas de paso existentes. Tamén se proxectará o reforzo de cimentacións danadas de construcións existentes e a reconstrución da fonte localizada no entorno do núcleo de Xunqueira.

Avaliación de riscos permanente

A Xunta, a través de Augas de Galicia redacta, e revisa cada seis anos, o risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, en colaboración coas autoridades de Protección Civil, e a Administración xeral do Estado.

Unha vez que se identifica e declarada unha zona como área de risco potencial significativo de inundación, cómpre desenvolver mapas de perigosidade e risco de inundación e establecer as medidas que debe realizar por cada autoridade competente para minimizar os efectos negativos das enchentes.

Nas áreas de maior risco recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión , no que se traballa a nivel de detalle para tratar de minimizar os perigos e incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais, como fixo a Xunta recentemente no caso de Xunqueira.