Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a recuperación de fontes de auga naturais para garantir o abastecemento de auga potable no Camiño Inglés ao seu paso por Abegondo, Carral e Ordes

Os traballos, adxudicados por un importe duns 37.000 euros, contan cun prazo de execución de 1 mes

Trátase de conformar unha rede de puntos de microabastecemento público para o consumo humano, cubrindo as necesidades de auga dos peregrinos ao tempo que se serve á poboación local

Estas intervencións levaranse a cabo na Fonte de Cruz de Beira, na Fonte de San Roque e na Fonte de Cabeza de Lobo

O deseño das fontes será uniforme e disporán de paneis fotovoltaicos para a alimentación dos equipos de tratamento de auga e electricidade

Adecuarase a contorna coa colocación de pavimento permeable ao redor das fontes, instalación de asentos individuais de pedra e unha pérgola de madeira

Estímase que ao remate deste proxecto, no ano 2021, estas actuacións lograrán mitigar o impacto ambiental de 65.000 botellas de plástico, que usan unha media anual de 12.000 usuarios nos 143 quilómetros de Camiño Inglés

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de recuperación de fontes de auga naturais para garantir o abastecemento de auga potable no Camiño de Santiago Inglés, ao seu paso polos municipios de Abegondo, Carral e Ordes.

Os traballos, adxudicados á empresa Vázquez y Reino, S.L., por un importe duns 37.000 euros, contan cun prazo de execución de 1 mes.

Este contrato forma parte do proxecto Life Water Way do programa Life da Unión Europea, no que Augas de Galicia está a participar, xunto coa Consellería de Sanidade, o Concello de Abegondo, a Deputación Provincial da Coruña, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e o Instituto Tecnolóxico de Galicia. Trátase de conformar unha rede piloto formada por 27 fontes de auga para o consumo humano, cubrindo as necesidades de auga dos usuarios do Camiño de Santiago Inglés e tamén apta e accesible para servir á poboación local.

Neste marco, o contrato adxudicado correspóndese coas actuacións que executará Augas de Galicia para construír unha rede de puntos de microabastecemento público formada por fontes naturais con tratamento de potabilización ao longo do Camiño Inglés.

As intervencións levaranse a cabo, concretamente, na Fonte de Cruz de Beira, no municipio de Abegondo, que se abastecerá dun novo pozo de captación; na Fonte de San Roque, en Carral, que aproveitará a auga do pozo de captación que abastece ao local social; e na Fonte de Cabeza de Lobo, no concello de Ordes, que aproveitará a auga de captación do manancial que abastece ao local social.

Máis en concreto, as actuacións obxecto deste contrato inclúen a construción dun novo pozo de abastecemento en Cruz de Beira e a dotación dun equipo de bombeo e acometida eléctrica de baixa tensión. Tamén se procederá á adecuación das dúas captacións existentes nas Travesas e Cabeza de Lobo.

O deseño de todas as fontes será uniforme, seguindo o prototipo para fontes naturais, deseñado especificamente polo Instituto Tecnolóxico de Galicia no marco desta acción. As fontes disporán de billas con protector en aceiro inoxidable satinado e pulsador temporizado, cubertas de granito e laterais de pino do país con acabado carballo. A estrutura interior será de aceiro inoxidable.

Nos traballos a executar incluirase a instalación de paneis fotovoltaicos para a alimentación dos equipos de tratamento e a dotación ás infraestruturas, por medio canalizacións, de auga e electricidade. Por último, inclúense as tarefas de adecuación da contorna, coa colocación de pavimento permeable ao redor da fonte, instalación de asentos individuais de pedra e construción dunha pérgola de madeira.

O proxecto Life Water Way

O beneficio esperado tras a realización do proxecto Life Water Way é mellorar a calidade da auga de consumo humano cun novo concepto de fontes públicas, garantir a súa calidade sanitaria e, en definitiva, incidir directamente na saúde das persoas que percorren o Camiño.

Aínda que a rede piloto foi concibida principalmente para cubrir as necesidades de auga dos usuarios do Camiño Inglés é tamén apta e accesible para satisfacer as necesidades da poboación local. En total, mellorarase a calidade e garantirase a seguridade en 100 m³ de auga ao ano ao actuar sobre 27 fontes.

Así mesmo, búscase mitigar o impacto ambiental derivado do consumo de auga embotellada nas sendas naturais e nos itinerarios culturais europeos. Estímase que en 2021, co proxecto finalizado, se evitará o uso de 65.000 botellas de plástico de 1,5 litros (1,67 toneladas) que usan a media anual de 12.000 usuarios nos 143 quilómetros de Camiño Inglés.