Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta acorda co Concello de Mugardos realizar un estudo das alternativas de actuación para evitar as inundacións no entorno do río Ba, na parroquia do Seixo

Analizarase a posibilidade de acometer actuacións que permitan reducir o risco de asolagamento na zona

A conselleira de Infraestruturas e o alcalde abordan tamén o proxecto da senda entre Franza e Rilo, da que se están a tramitar as expropiacións

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo, por videconferencia, co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, no que acordaron que a Xunta realizará un estudo das alternativas de actuación para evitar as inundacións que se repiten no entorno do río Ba, na parroquia do Seixo.

Augas de Galicia realiza de forma habitual tarefas de conservación e limpeza neste río, incluíndo a retirada de troncos, o que contribúe a diminuír o risco de asolagamento, mantendo ao mesmo tempo os valores fluviais.

Ante a reiteración dos episodios de inundación, a conselleira e o alcalde conviñeron na oportunidade de realizar unha análise sobre a posibilidade de acometer actuacións doutra índole que permitan reducir aínda máis os asolagamentos.

Na xuntanza, a conselleira e o alcalde abordaron tamén o proxecto de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo. O proxecto vén de ser aprobado polo Goberno galego e actualmente atópase en tramitación o procedemento expropiatorio, que será aprobado en vindeiras datas.